ARIEM 112 consolídase coma referente europeo en materia de emerxencias e cooperación transfronteiriza
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou a plena consolidación da cooperación en materia de Emerxencias no marco do proxecto europeo Ariem 112, entre Galicia, Castela e León e o Norte de Portugal, onde incidiu que as fronteiras non existen e onde todos axudamos a todos.
Alfonso Rueda e o Presidente da CCDR-N, Emidio Gómes, presidiron hoxe unha nova reunión entre a Xunta e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento da Rexión Norte de Portugal, onde se presentou e asinouse o Informe de Execución Final do proxecto ARIEM 112, no que se da conta do Programa Operativo de Cooperación Tranfronteiriza España-Portugal (POCTEP), e do cumprimento dos obxectivos previstos a través do desenvolvemento das actividades deseñadas no proxecto.
Concretamente, deuse por finalizado o proxecto Ariem 112, un proxecto pioneiro á vangarda en compartir servizos de emerxencia a un e outro lado da fronteira, ca creación dun espazo común en materia de emerxencias entre Galicia, Castela e León e o Norte de Portugal. Mediante equipos compatibles, maior coordinación, procedementos conxuntos e ademais un incremento de medios materiais para todas as partes, ca finalidade principal de ofrecer un mellor servizo aos cidadáns.
En síntese, o proxecto incidiu en tres ámbitos trascendentais para a colaboración no tratamento das emerxencias. Así, no ámbito das comunicacións, foron adquiridos un sistema de videoconferencia para os centros 112 da zona, unha gravadora de voz para rexistrar as chamadas aos centros 112 da zona e de 380 terminais do sistema estándar europeo TETRA. No ámbito operativo, foron adquiridos vehículos pick up e remolques para transporte de equipos, adaptadores para compatibilizar o uso dos distintos tipos de mangueiras, detectores autónomos de incendios, equipos de excarceración, cámaras de visión térmicas, equipos autónomos de respiración, dous embarcacións para salvamento e rescate e tres camións cisterna “gran nodriza” para transporte de auga, tanto para a loita contra incendios como para a subministración de auga en épocas de seca; e finalmente no ámbito da innovación tecnolóxica, mediante a adquisición de 2 drons para control, prevención e xestión das emerxencias e apps de xeolocalización.
Ademais, no seo da reunión anunciouse que se intentara prolongar e reforzar no vindeiro período europeo, xa que está deseñado un novo proxecto de cooperación transnacional a encadrar no futuro Interreg, para que continúe o traballo feito, ampliar o número de socios do proxecto, e que incremente a súa dotación ata os 6 millóns de euros.
Finalista do Premio de Cooperación Internacional 112
O Proxecto ARIEM 112 resultou nominado como finalista para o “Premio do Cooperación Internacional 112” (112 Outstanding Internacional Cooperation Award) convocado por EENA xunto coa candidatura presentada polo Ministry of Security de Bosnia e Herzegovina, que nesta edición 2016 se celebrará na cidade de Praga (Chequia) Un novo recoñecemento a un proxecto que xa foi eloxiado por outros 112 e outros gobernos de distintas rexións europeas.
EENA é unha asociación sen ánimo de lucro creada en 1999 e con sede en Bruxelas encargada de velar polos intereses dos centros 112 de toda Europa, cuxa premisa fundamental é a de servir de plataforma neutral de debate entre as autoridades, servizos de emerxencias, industria e cidadáns, co obxectivo de conseguir unha eficiencia e unhas telecomunicacións harmonizadas e axustadas ás necesidades dos cidadáns.











