Aprázase ata o martes a declaración da muller que denunciou a Manuel Baltar
O Xulgado de Instrución número 3 de Ourense aprazou ata o martes a declaración da muller que denunciou ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, por unha suposta oferta de emprego a cambio de sexo e que agora está sendo investigada como coautora dun suposto delito de suborno.
Teresa F. estaba chamada a declarar este xoves, ás 10,00 horas, como investigada nesta causa, despois de que a xuíza Eva Armesto advertise indicios dun delito de suborno tanto por parte da muller coma do presidente da Deputación, Manuel Baltar.
Os problemas de saúde do avogado encargado da defensa do presidente da Deputación de Ourense motivaron este aprazamento e farán que o seu cliente e a muller que o denunciou volvan coincidir o mesmo día nos xulgados de Ourense para prestar declaración, xa que Manuel Baltar está citado ás 12,30 horas do mesmo día.
A pasada semana a xuíza atrasou para o próximo martes a declaración do presidente da Deputación, inicialmente tamén fixada para este xoves. Fíxoo despois de que o avogado de Baltar acreditase que tiña previsto para esa mesma data unha viaxe familiar a Eurodisney e que xa realizara o pagamento de parte desa viaxe antes de citáseselle.
CONGRESO POPULAR
A comparecencia do xefe da Deputación ourensana producirase dez días despois de ser reelixido como presidente do PP provincial no XVII Congreso dos populares de Ourense, no que estivo arroupado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez e a vicesecretaria de Estudios e Programas do partido, Andrea Levy.
A presenza de ambos os dous líderes populares na cita foi moi criticada polos voceiros do PSOE provincial, que este luns cualificábana como “vergonzosa” e como “un respaldo” a Baltar ante a situación xudicial na que se atopa.
O caso Baltar iniciouse a finais do mes de outubro, cando Teresa F. denunciou ante a Fiscalía ao presidente da Deputación, ao que acusou de ofrecerlle presuntamente unha praza fixa a cambio de manter relacións sexuais no ano 2010, cando esta institución aínda estaba presidida polo seu pai, José Luis Baltar.











