Alerta de nivel laranxa por choiva que está a afectar á provincia da Coruña
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal de nivel laranxa por choiva que está a afectar á provincia da Coruña.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso por choiva deu inicio no Noroeste e Oeste da provincia da Coruña, nas que a precipitación acumulada en 12 horas poderá superar os 80 mm. no extremo norte da zona noroeste e na parte mais occidental do Noroeste da Coruña. Na zona Suroeste da Coruña a precipitación acumulada poderá superar os 40 mm. (Nivel Amarelo).
Segundo consta no CAE 112, ata o de agora hai rexistradas un total de 21 incidencias , nos concellos de Carballo, Bergondo, Sada, Cambre, Oleiros, con anegamentos en estradas, en rúas, en vivendas e garaxes. Ademais, foron evacuadas tres persoas dunha vivenda no concello de Carballo.
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación de meteoroloxía adversa aos concellos, Deputación, asociacións de Voluntarios de Protección Civil e Bombeiros; así como aos organismos das administracións estatais, locais e autonómicos e empresas correspondentes.











