AGE esixe á Xunta que fale con Citroën para frear o ERE en Vigo
Os deputados de AGE Juan Fajardo e Antón Sánchez esixiron este mércores á Xunta que “se dirixa” a Citroën, unha empresa que recibe en Galicia “axudas públicas millonarias”, para frear os diferentes expedientes de regulación de emprego formulados pola planta viguesa e que poden afectar a máis dun millar de persoas.
En rolda de prensa, Fajardo subliñou que é “reprobable” que a empresa que “máis diñeiro público recibe” despida tantos traballadores xusto despois de que se aprobase a modificación da Lei do Solo que “quería” e nun ano no que rexistrou “beneficios”. “Hai que derrogar a reforma laboral”, remarcou, de paso.
En canto á Xunta, xulgou que debe iniciar “accións contundentes”, ao tempo que denunciou que ninguén do Goberno autonómico se pronunciou ao respecto aínda. “Son incapaces de defender os intereses dos galegos”, reprobou.
Ao fío diso, Juan Fajardo sinalou que, para a clase traballadora, “é o mesmo” ter a Alberto Núñez Feijóo á fronte de San Caetano que “a ninguén”, pois o presidente está actualmente “na grella de saída” do PP para “suceder a Rajoy” e, polo tanto, máis centrado no particular “Operación Triunfo” dos populares.
Neste escenario, rexistrou unha iniciativa parlamentaria para demandar á Xunta que as axudas públicas a PSA Peugeot-Citroën se condicionen ao mantemento dos postos de traballo por parte da empresa.
“PATÉTICO”
O acontecido coa planta viguesa de Citroën é, a xuízo de Antón Sánchez, “un espectáculo patético” que lle levou a concluír que o goberno de Feijóo “xa non ten nada que achegar ao país”.
Só centrado na industria, o vicevoceiro de Alternativa apuntou que, dende 2009, en Galicia se destruíu un 20 por cento do emprego no sector.
Ademais, interpretou o silencio da Xunta ante o anuncio de despedimentos como que o PP utilizou como escudo humano” os traballadores de Citroën para aprobar esa “chafalleira” reforma da Lei do Solo.











