Abel Caballero volve pedir a derrogación da reforma local
O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, volveu reclamar este mércores a derrogación “do conxunto” da Lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local tras a “fortísima desautorización” por parte do Tribunal Constitucional, que anulou algúns preceptos da norma.
En declaracións aos medios, Caballero reiterou que a sentenza do TC supón un “golpe irreversible” á citada normativa e frea a “pretensión” do goberno de Mariano Rajoy de “minimizar a capacidade de acción” dos concellos. E é que como recalcou o socialista o Constitucional avala que as administracións locais poidan seguir aplicando políticas sociais, educativas e de atención primaria.
Segundo o presidente do ente municipalista, esta resolución do Constitucional ten “unha dimensión política elevadísima”. “Acaba de dicir que os concellos progresistas tiñan razón, e quítalle toda a razón ao PP na FEMP, que dicía que esa lei era espléndida”, resaltou.
“Demando que se inicien os trámites para a derrogación do conxunto da lei, porque é un dislate, unha vulneración da Constitución por parte de Rajoy en contra dos concellos”, proclamou Caballero, a xeito de conclusión, ante os xornalistas.











