Abel Caballero limita o seu liderado a Vigo e á defensa do municipalismo
O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, proclamou este luns que o seu liderado se circunscribe á cidade de Vigo e á defensa do municipalismo a través da FEMP. Así se pronunciou a preguntas dos medios sobre a súa intervención no comité nacional galego do PSdeG, que algúns viron como un golpe de man para asumir o temón do partido.
Sobre se a súa intervención pode interpretarse como unha forma de tomar as rendas dos socialistas galegos, Caballero afirmou: “O meu liderado é Vigo, onde fago política é en Vigo, e o meu ámbito de desenvolvemento é Vigo”.
Ademais, o alcalde lembrou que tamén é presidente da FEMP e, por tanto, desde ese órgano exerce o liderado “en 8.200 concellos e todas as deputacións”. “Se iso lles parece pouco… a min paréceme que é o límite do que podo facer”, engadiu.
Caballero reiterou que a súa “vocación total e absoluta” é a cidade olívica e, a través dela, “o municipalismo en España”, porque é un “firme convencido” da importancia dos concellos no desenvolvemento do país. “Desde a presidencia da FEMP non teño ningún límite defendendo o municipalismo. Iso é o que quero facer”, sentenciou.











