A Xunta vai executar unha solución integral para reforzar a seguridade a viaria na rúa da Granxa, en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Ethel Vázquez na visita á rúa ourensana

Ethel Vázquez na visita á rúa ourensana

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle, avanzou hoxe que a Xunta executará no segundo trimestre do ano un conxunto de actuacións concibidas como unha “solución global e integral” para reforzar a seguridade viaria na rúa da Granxa, en Ourense. Así o avanzou na xuntanza que esta mañá mantivo con representantes da Asociación de Veciños O Barrio e de Stop Accidentes, aos que lles presentou as actuacións previstas nesta vía.

A conselleira, que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e do alcalde da cidade, Jesús Vázquez, destacou o interese da Xunta por reducir os incidentes que se rexistran nesta travesía e dar resposta ás demandas de seguridade que trasladan os veciños.

Por ese motivo detallou que a Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, deseñou un conxunto de actuacións que teñen o dobre obxectivo de “lograr que a vía sexa máis segura para todos os usuarios, tanto para vehículos como para peóns”, e acadar “un mellor aproveitamento do espazo da calzada”.

Entre as actuacións máis importantes que se van acometer, a conselleira de Infraestruturas destacou que se vai sobreelevar un paso de peóns, atendendo a demanda expresa dos veciños. Así mesmo, indicou que está previsto incorporar tres glorietas nos cruces máis amplos para favorecer os xiros.

Así mesmo, Ethel Vázquez avanzou que se realizará unha reordenación da estrada para facer máis visibles os pasos de peóns, se establecerán carrís intermedios de xiro á esquerda e se van sinalizar axeitadamente as paradas de bus e as zonas de carga e descarga.

A conselleira concretou que, ademais, se mellorará a circulación peonil nas zonas onde non hai beirarrúas acondicionadas e recolocarase o mobiliario urbano nas zonas nas que sexa necesario, por exemplo, reubicando contedores de lixo que resten visibilidade.

En total, Ethel Vázquez, asegurou que se prevé actuar ao longo de 1,5 quilómetros da estrada da Granxa ao seu paso polo concello de Ourense, e manifestou a vontade de reforzar a seguridade viaria desta zona de forma coordinada coa Administración local e mediante consenso cos veciños.

A conselleira de Infraestruturas fixo un chamamento á implicación e á prudencia dos condutores e dos peóns, xa que, subliñou, “a seguridade viaria é cousa de todos e todos temos a nosa parte de responsabilidade”.

7 de marzo de 2016 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.