A Xunta segue a folla de ruta pactada e publicará o texto coa modificación da Lei da Área Metropolitana de Vigo
A Xunta de Galicia segue a dar os pasos necesarios na tramitación para modificar a Lei da Área Metropolitana de Vigo e, de xeito inmediato, publicará na súa páxina web o texto coa modificación pactada.
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, compareceu hoxe en rolda de prensa para explicar que “entre hoxe e mañá”, e coma paso previo na tramitación de calquera lei, “colgarase na web da Xunta o texto da modificación de acordo co que fai normalmente”, dixo. Durante o prazo de 15 días dende a súa publicación, o documento modificado estará publicado “para coñecemento e información de todos os cidadáns”. “Dende a Xunta seguimos todos os trámites”, recalcou o delegado, lembrando que é un primeiro paso na tramitación para levalo posteriormente ao Consello da Xunta pero sempre e cando os concellos cumpran cos requisitos pactados na reunión do 22 de febreiro.
De feito, López-Chaves fixo fincapé en que a remisión do texto modificado ao Parlamento “está en mans dos concellos e de Caballero”, en alusión ao documento rubricado en dito encontro e polo que os 14 concellos se comprometían a levar e aprobar o documento nos seus plenos e a que o Concello de Vigo se incorpore ao Transporte Metropolitano. “Se xa se incorpora Vigo e se levan os acordos aos plenos, inmediatamente comezará a tramitación da lei. Soamente depende deses dous requisitos”, dixo esperando que se faga “de xeito inmediato”. Neste senso, especificou que concellos coma Baiona ou Cangas o farán xa nos vindeiros días, non sendo así Vigo, onde “hoxe houbo pleno e aínda non o fixo”.
Por último, considerou “fundamental” a incorporación da cidade olívica ao Transporte Metropolitano porque con independencia de ser un “elemento clave” para a tramitación da lei, “vai a supor unha enorme vantaxe para os vigueses”. “Dende a Xunta seguimos todos os trámites pero sen a incorporación de Vigo ao Transporte non se pode tramitar a lei”, insistiu matizando que “é importante” seguir a folla de ruta pactada: “que os plenos aproben o acordo e que Vigo se incorpore ao Transporte. Unha vez se faga isto non haberá xa ningún obstáculo para a tramitación”, concluíu.











