publicidade hoxe

A Xunta rematou a ampliación e mellora da rede de abastecemento en Cospeito

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCospeito
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de rematar as obras de ampliación e mellora da rede de abastecemento no Concello de Cospeito. O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, visitou esta mañá este municipio, onde mantivo unha reunión co alcalde, Armando Castosa Alvariño, ao que lle fixo entrega das obras, cuxo custe superou os 500.000 euros (510.657), e que a partir de agora serán responsabilidade da Administración local, entidade que deberá encargarse da súa conservación e mantemento.

A actuación deu continuidade aos traballos executados na primeira fase, na cal se construíu unha estación de tratamento de auga potable (ETAP) e un depósito de 1.500 m³, situado en Infesta. Tamén se executou a primeira fase da condución principal. En total, esa primeira fase supuxo un investimento de 1,4 millóns de euros.

A segunda fase –a entregada hoxe- consistiu no abastecemento das parroquias de Pino (San Martiño), Rioaveso (Santalla), Seixas (San Pedro), Sistallo (San Xoán), Tamoga (San Xiao) e Vilapene (Santa María). Con estas obras buscouse dotar de servizo de abastecemento axeitado a maioría das parroquias do concello de Cospeito, garantindo unha subministración de auga en calidade e cantidade á poboación.

As obras consistiron principalmente na execución dunha rede en tubaxe de polietileno de alta densidade, formada por unha condución xeral á cal se conectarán catro ramais, e no reforzo do depósito de Feira do Monte, debido a que a captación da cal se alimenta presenta problemas en época estival, polo que se incluíu unha conexión co propio depósito que ten unha capacidade de 1.500m3 e que ofrecerá un caudal constante de 3,5 l/s, equivalente a uns 300 m3/ día (medio depósito).

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, tamén participou na visita e salientou a importancia deste tipo de actuacións que “redundan no beneficio dos veciños e veciñas do medio rural ao incrementarse e mellorarse as infraestruturas das aldeas ofrecéndolles servizos de calidade que, ademais, repercuten positivamente no coidado e na protección do seu entorno”.

15 de marzo de 2016 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.