publicidade hoxe

A Xunta reforza os recursos educativos no Centro de Menores Santo Anxo da Garda incorporando tres novos educadores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRábade
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asegurou esta tarde no Parlamento de Galicia que o Centro de Menores Santo Anxo da Garda, en Rábade, segue a funcionar con normalidade. O titular deste departamento autonómico daba resposta así a unha pregunta formulada polo Grupo Parlamentario Socialista sobre a marcha do dito centro ao tempo que avanzaba que a Xunta de Galicia está a reforzar os seus recursos educativos.

Así as cousas, Rey Varela destacou que os traballadores contan cunha dilatada experiencia no eido. En concreto, este centro de menores, contaba cun cadro formado por 34 profesionais, dos que 18 son educadores. A estes traballadores, hai que sumar a recente incorporación de tres novos profesionais neste eido, co fin de que haxa presenza dun educador no centro na quenda de noite. Polo tanto, o centro dispón arestora de 37 traballadores, cumprindo coa ratio de persoal establecida no Decreto 329/2005. Un índice calculado para as 32 prazas autorizadas, sendo a ocupación media durante o pasado ano 2015 de 26,8. Actualmente o centro conta con 25 menores.

O conselleiro de Política Social fixo fincapé en que o persoal educativo do centro está preparado para facer fronte aos programas de intervención educativa, nos casos onde polas necesidades dos menores se requira dunha intervención médica, psiquiátrica ou psicolóxica. Así mesmo, os educadores dispoñen da adecuada titulación e son os encargados, mediante contacto directo co menor, da súa formación, polo que lles corresponde exercer as funcións de titor e asesor de estudos, así como promover, orientar e controlar o conxunta das actividades do menor. En definitiva, deben procurar realizar un programa de actuacións que permita asegurar o desenvolvemento integral do menor e que favoreza a súa integración social.

O titular da carteira social, explicou durante a súa intervención que Santo Anxo da Garda é un centro residencial de protección de menores, de titularidade e xestión pública, coa tipoloxía de centro de reeducación, no que se presta acollemento residencial a persoas menores de idade que se atopan baixo a garda ou a tutela da administración pública, por proceder dunha situación de risco ou de desamparo no seu núcleo familiar. Os usuarios deste centro son mozos e mozas de 14 anos ou máis, que requiren dunha intervención especializada por presentaren problemas de conduta que desaconsellan a súa convivencia con nenos e nenas máis pequenos noutros centros residenciais. Estes rapaces e rapazas son obxecto dun tratamento educativo individualizado que ten en conta as súas circunstancias persoais e socio familiares.

No referente ao non retorno dos menores ao centro de protección, os acollidos neste centro, teñen dereito a saír para levar a cabo as súas actividades, do mesmo modo en que poden saír a fin de semana, os días festivos ou en períodos de vacacións se o seu proxecto educativo así o prevé. O conselleiro explicou que as normas de protección de menores non limitan a liberdade, senón que deben potenciar a integración socio familiar dos menores. “Non debemos confundir a especificidade deste centro de protección co réxime de internamento ao que deben someterse os menores en virtude dunha resolución xudicial penal”, recalcou Rey Varela.

Outra actuación que a Consellería ten posto en marcha de cara a mellorar o funcionamento do Santo Anxo de Rábade, atinxe á seguridade no mesmo, xa que o centro dispón dunha nova empresa de vixilancia coa que se está a traballar na redacción dun protocolo que defina as funcións dos vixilantes.

30 de marzo de 2016 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.