A Xunta participa no primeiro Congreso Nacional de Formación Regrada en Seguridade Privada en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+
Inauguración do congreso

Inauguración do congreso

O director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, Luis Menor, participou esta mañá no I Congreso Nacional de Formación Regrada en Seguridade privada, que se celebrará entre hoxe e mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. Tratase da primeira convención destas características que se celebra en España.

Tamén participaron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial, Rosendo Fernández, o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, o director do Instituto Nacional de Cualificacións (INCUAL), Paulino Martín Seco, e o director do Congreso, Miguel Gawenda.

Na súa intervención, Luis Menor lembrou que tamén é director da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e que o centro mantivo este ano contactos con diferentes sectores do ámbito da seguridade privada “para iniciar un camiño de colaboración como centro de formación complementario”.

Neste sentido, o director anunciou que o vindeiro mes de abril está previsto na Estrada a celebración do I Congreso Autonómico de Seguridade Privada, organizado pola AGASP; un acto que pretende ser o inicio da colaboración cun sector e un colectivo “omnipresente da vida cotiá” e para o que manifestou que “as portas da Academia estarán sempre abertas”.

Sesenta relatores e nove obradoiros prácticos

Cultura de Seguridade, Formación e Información. Un Proxecto compartido é o lema desta cita, que reunirá a un total de sesenta relatores en dez mesas redondas e nove obradoiros prácticos. Tal e como explicou o seu director, o congreso funcionará como “lugar de encontro de todos os actores do sector e da administración” para apoiar o modelo de formación regrada en seguridade en todos os seus niveis.

Na xornada de hoxe haberá un total de sete mesas redondas nas que se tratarán os requisitos e límites da docencia e as titulacións universitarias. Nesta cita participan profesionais e expertos vidos de universidades e centros de toda España. Ademais, tamén se reflexionará sobre a figura da muller na industria da seguridade privada e a visión da sociedade, os usuarios e as empresas cara a este sector. Pola tarde, levaranse a cabo catro talleres de simulación de tiro, lume e escáner.

O Congreso Nacional de Formación Regrada en Seguridade Privada está organizado pola Asociación Nacional de Profesores Acreditados de Seguridade Privada (ANPASP) e coorganizado pola Deputación de Ourense; e conta coa colaboración do Concello de Ourense, a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e Sabico Seguridade.

10 de marzo de 2016 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.