A Xunta organiza unha xornada técnica en Lugo para informar sobre os plans de autoprotección en riscos laborais
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), está celebrando hoxe en Lugo unha xornada técnica sobre os plans de autoprotección cos que debe contar calquera centro de traballo e que deben formar parte do sistema de xestión da prevención de riscos laborais en calquera empresa. A iniciativa, na que están a participar 70 persoas, está dirixida a empresarios, traballadores, técnicos e responsables de prevención interesados nesta materia e enmárcase dentro da oferta formativa do ISSGA para este ano.
Os Plans de Protección é un documento específico preciso para a actuación ante situacións de emerxencia en determinadas actividades. O obxectivo é previr e controlar os riscos sobre as persoas e os bens e dar resposta axeitada ás posibles situacións de emerxencia, garantindo a integración destas actuacións no sistema público de Protección Civil.
Estes plans, segundo se informou hoxe na xornada técnica, teñen que revisarse e actualizarse cunha periodicidade mínima non superior a tres anos. A necesidade de actualización pode ser detectada a través das inspeccións e auditorías recollidas nos propios plans con fin de analizar e avaliar a súa eficacia. Así mesmo, debe establecerse un programa de actividades formativas periódicas para garantir a actualización da formación teórica e práctica do persoal asignado polo Plan de autoprotección.
Mediante os simulacros, ademais, pódense detectar deficiencias nos propios plans, na adecuación e o adestramento dos recursos humanos, dotación, localización e uso dos medios técnicos e a efectividade dos procedementos e de actuación de todas as persoas que poidan estar afectadas por unha emerxencia e o seu coñecemento.











