publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta investirá 1,5 millóns de euros na construción de 9 sendas na comarca da Terra Cha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBegonte
A-
A+

A Xunta investirá case 1,5 millóns de euros na construción de 9 sendas que sumarán 8,3 quilómetros na comarca da Terra Chá para favorecer desprazamentos cotiás seguros e sustentables. O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, acompañados polo alcalde, José Ulla, presentaron esta mañá en Begonte en rolda de prensa o Plan de Sendas de Galicia para a comarca da Terra Cha.

Francisco Menéndez destacou que, as actuacións que se desenvolverán nesta zona permitirán configurar un eixo de mobilidade sostible entre Abadín e Rábade, ao completar os camiños de servizo existentes nas estradas LU-113, LU-121 e LU-111, con actuacións en Abadín, Vilalba, Cospeito e Begonte, que inclúen sendas na contorna de núcleos como Pumariño, O Santo, ou Toiral. Ademais, contémplanse a execución de sendas na LU-115 para unir Castro de Ribeiras do Lea co polígono industrial; na LU-242 en Guitiriz de modo que se conecte Parga co Mesón da Cabra, na Nacional VI; e na LU-170 para unir O Chao coa área recreativa e o campo de fútbol, en Xermade.

O obxectivo do Goberno galego é que os veciños da Terra Cha poidan ter, canto antes, sendas seguras, sustentables e integradas na paisaxe para realizar os seus itinerarios habituais.

Estas actuacións teñen beneficios para as persoas, ao velar pola súa seguridade e tratar de fomentar hábitos máis saudables; para as vilas, supoñendo menor conxestión de vehículos en tramos saturados e novos espazos de tránsito; e para o medio, buscando menos contaminación acústica e mellorando a calidade do aire, ao reducir a emisión de gases contaminantes.

Plan de Sendas de Galicia

Estas accións presentadas hoxe están enmarcadas no Plan de Sendas de Galicia, que aprobou no Consello da Xunta fai uns días, e que concreta a construción de 170 novos quilómetros de itinerarios peonís e para bicis. O Plan de Sendas desenvólvese no marco do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, aprobado o pasado mes de febreiro e que se fixa como obxectivo estratéxico reducir á metade as vítimas mortais nas estradas galegas.

Ademais alíñase cos obxectivos do Plan Estratéxico 2015-2020 de Galicia e coa Estratexia Europea 2020, en canto á promoción dunha economía baixa en carbono mediante o fomento dunha mobilidade sustentable.

O Goberno galego iniciou os traballos en 7 comarcas galegas, entre as que se atopa esta da Terra Cha. Así, nunha primeira fase acometeranse 55 novas sendas e un total 75 km, para peóns e para bicis, que suporán un investimento de 26,3 millóns de euros e progresivamente avanzarase nesta medida ata ter completados os 170 novos quilómetros de sendas. Contarase para elo co cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Estas sendas permitirán que os usuarios poidan facer desprazamentos cotiás andando ou en bici dun xeito máis sustentable e seguro, percorrendo a distancia entre os núcleos urbanos e os centros de equipamentos e servizos como centros de saúde, áreas comerciais, lugares de lecer, escolas ou garderías.

A elaboración deste Plan partiu dunha análise global do territorio de toda a comunidade, priorizando aquelas comarcas nas que actuar primeiramente, atendendo a factores como:

• A situación dos núcleos de poboación, os servizos e os equipamentos
• O tráfico e a siniestralidade que rexistra cada treito da estrada
• A orografía e as pendentes do terreo
• O clima
• A facilidade de implantación
• A posibilidade de conectar con percorridos xa existentes.

23 de marzo de 2016 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.