A Xunta informará en Pontevedra sobre os riscos laborais da extracción de recursos mariños co mergullo en apnea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria organiza mañá no centro do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) de Pontevedra, emprazado en Rande, en Redondela, unha xornada técnica para informar sobre os riscos laborais na extracción de recursos mariños mediante a técnica de mergullo en apnea, que se realiza aguantando a respiración co aire contido nos pulmóns tras unha bocanada de aire na superficie.

A xornada de mañá é unha iniciativa enmarcada na oferta formativa do Instituto para este ano na que se darán a coñecer as condicións de traballo específicas do mergullo en apnea e os mecanismos fisiolóxicos cos que conta o corpo humano para adaptarse ao medio subacuático. O obxectivo é poder detectar os posibles factores de risco para a seguridade e saúde e as enfermidades laborais específicas padecidas polos mergulladores que utilizan a técnica da apnea e, deste xeito, poder adoptar as medidas preventivas adecuadas para cada situación.

Así mesmo, técnicos do ISSGA informarán sobre as normas de seguridade para a práctica das actividades subacuáticas en apnea e as técnicas preventivas para patoloxías específicas que só se dan en mergullo en apnea.

Actualmente, a extracción de recursos mariños con técnicas de mergullo é unha actividade con presenza significativa no litoral de Galicia que se leva a cabo con especies como a navalla, o ourizo, as algas ou os vermes mariños. Para a práctica laboral segura e comprensión do mergullo, en xeral, os profesionais precisan de coñecementos especializados e moi específicos.

17 de marzo de 2016 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.