publicidade hoxe

A Xunta estuda vías de colaboración co Concello de Baralla para a posta en funcionamento do punto de atención á infancia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaralla
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, continúa coa rolda de encontros cos alcaldes e alcaldesas de Galicia co fin de mellorar a atención social e de servizos que reciben os cidadáns nos seus respectivos concellos a través da optimización dos recursos locais e autonómicos de ambas institucións. No día de hoxe, Rey Varela, reuniuse co rexedor de Baralla, Manuel Jesús González Capón, nunha cita que se desenvolveu nas dependencias da Casa Consistorial deste municipio lucense.

Nesta entrevista, o conselleiro e o primeiro edil acordaron continuar coa colaboración emprendida entre ambas institucións. Así, ambos dirixentes estudaron a importancia de poñer en marcha o novo Punto de Atención á Infancia (PAI), que ofertará 20 prazas para o coidado de nenos e nenas. O Goberno galego achegou 263.000 euros á construción deste equipamento cuxa apertura soamente está pendente da adquisición do mobiliario por parte da administración local. Rey Varela asegurou que a Consellería estudará a mellor vía para colaborar coa entidade local na posta en marcha desta infraestrutura.

Así mesmo, nesta xuntanza tamén se abordou o incremento do número de horas do Servizo de Atención no Fogar (SAF), dirixido a persoas en situación de dependencia. O Goberno galego vén de aumentar en 150 horas esta prestación do sistema autonómico de coidados á dependencia, que na actualidade beneficia en Baralla a 30 usuarios.

Cómpre sinalar que o diálogo aberto por Rey Varela cos responsables das entidades locais ten por obxecto adquirir o compromiso de acadar, por ambas partes, unha política social axeitada que se adapte ás necesidades de cada concello.

8 de marzo de 2016 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.