A Xunta entregará un total de 15 vivendas de promoción pública no concello da Coruña
A Comisión Provincial de Vivenda da Coruña estudou hoxe a documentación dos adxudicatarios de 15 vivendas de promoción pública, en segundas transmisións (vivendas usadas) que proximamente serán mostradas aos adxudicatarios por parte de técnicos do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
Unha vez que os adxudicatarios reciban a carta de adxudicación e coñezan as vivendas abrirase un prazo para que manifesten a aceptación da vivenda adxudicada e completen os trámites previos á entrega de chaves.
As vivendas atópanse emprazadas nas rúas Ribeira Sacra, Rosas, Hortensias, Petunias, Azahar, Glasgow, Isaac Díaz Pardo, Rafael Alberti e Esteban Lareo e contan con 2, 3 ou 4 dormitorios e superficies útiles de entre 60 e 82 metros cadrados.
Por outra parte, a Comisión propuxo hoxe a adxudicación directa dunha vivenda de promoción pública emprazada no coruñés Barrio das Flores e propiedade do IGVS a unha familia en situación de extrema necesidade.











