A Xunta e o Concello de Vigo avanzan na tramitación dun novo PXOM para a cidade
Esta mañá reuniuse por segunda vez a comisión de seguimento do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo que ten como obxectivo colaborar na redacción do novo documento de planeamento que debe redactar o concello de Vigo, co fin de que a a cidade recupere a normalidade urbanística o antes posible.
A reunión de traballo, que estivo presidida pola secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, acompañada do delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, contou coa asistencia da concelleira de urbanismo, María José Caride, e o xerente de urbanismo, José Carlos Hernández Figueruelo.
O encontro de hoxe, que vén precedido do mantido o pasado 12 de febreiro -un día despois de que o Consello da Xunta aprobase o proxecto de Lei de medidas urxentes en materia de urbanismo, que entrará en vigor este domingo, 20 de marzo-, serviu para seguir avanzando na recompilación da documentación necesaria para empezar a redacción do Plan.
Neste senso a concelleira de Urbanismo de Vigo, María José Caride, trasladou que o Instituto de Estudos do Territorio, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, xa achegou ao Concello de Vigo, o pasado día 9, a documentación solicitada (afecciones sectoriais: augas, infraestruturas, patrimonio, protección da natureza, paisaxe, incidencia do POL e das DOT, etc) para iniciar a redacción do primeiro borrador do PXOM e do documento inicial estratéxico para o comezar a súa tramitación ambiental.
É preciso recordar que a nova lei 2/2016 do Solo de Galicia, que entra en vigor maña, día 19 de marzo, simplifica e axiliza a tramitación do PXOM ao unificar o procedemento urbanístico co ambiental, e ao reducir de 2 meses a un o prazo do que dispón o Instituto de Estudos do Territorio para facilitar a documentación aos concellos.
Rivas Díaz e o seu equipo reiteraron o ofrecemento da Xunta de colaborar e asesorar ao concello en todo o que precise, tal e como se fixo desde o primeiro momento, e mostrou o seu convencemento de que a aplicación da Lei de Medidas Urxentes, que achegará axilidade, eficacia, e seguridade xurídica aos proxectos públicos urxentes de excepcional interese público para Vigo, xunto coa redacción dun PXOM de futuro, constitúen o camiño para continuar co desenvolvemento da cidade e devolver a Vigo a normalidade urbanística que garante a súa dinamización económica.











