A Xunta defende activar protocolos coa administración tras o caso da minusválida falecida en Vigo
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, precisou que a minusválida que faleceu na súa casa en Vigo, tras o ingreso hospitalario do seu pai, “non tiña un programa específico” con este departamento autonómico.
Non obstante, a preguntas dos xornalistas sobre este caso, avogou porque as persoas cunha minusvalidez “teñan activados os protocolos coa administración pública”.
“É o importante, recoñecer o seu grao de dependencia”, dixo. Mentres, admitiu que en Galicia aínda queda “moito traballo por facer”, pero insistiu en que se está “no camiño”.
En particular sobre este caso, explicou que a muller “non tiña un programa específico” coa Consellería de Política Social. Non obstante, admitiu que a Xunta seguiu o caso “polo impacto social que ten”.
Segundo o que transcendeu, a muller faleceu tras permanecer durante 15 días soa na súa vivenda despois de que o seu pai, que era a persoa que a coidaba, ingresase no hospital.











