A Xunta de Goberno da Deputación aproba un manifesto contra o terrorismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou, con motivo dos atentados terroristas que tiveron lugar onte na capital belga, un manifesto contra o terrorismo que di o seguinte:

“Hoxe é un día moi triste para toda a humanidade, hoxe estamos coa cabeza e co corazón en BRUXELAS.

A Deputación de Ourense quere manifestar o seu profundo pesar a todos os familiares e amigos das vítimas dos terribles atentados acontecidos no día de onte.

Un martes, 22 de marzo, tinguido de dor e desconsolo que traspasa fronteiras, aflora sentimentos conxuntos de rabia e frustración , pero , que a súa vez, aviva a unión para esta loita mundial contra o terrorismo.

NON CONSEGUIRÁN O SEU OBXECTIVO, XUNTOS SUMAMOS MÁIS.

Dende Ourense, queremos ser esa voz de esperanza, queremos alentar a todos os cidadáns e erguernos, conxuntamente, para frear este tipo de barbaries carentes de humanidade e razón.

Onte perderon a vida máis de 30 persoas e máis de 200 resultaron feridas, pero non se trata de números e estatísticas, trátase de vidas truncadas, soños e destinos que nunca se farán realidade.

O terrorismo, pretende incentivar o medo e temor entre todos os europeos, pero non o van a lograr.

Non deixaremos que nos gañen a batalla.

Onte, intentaron de novo atentar contra os valores que como europeos nos identifican:

LIBERDADE, DEMOCRACIA E IGUALDADE, valores polos que seguiremos loitando.

Somos fortes, humanos, razoables, e cidadáns unidos, a nosa loita traspasará calquera fronteira do mundo.

Nos, como españois, por desgraza, coñecemos de primeira man a dor e os sentimentos de tristeza que nestes momentos están a imperar na capital Belga.

Por elo, a Deputación de Ourense quere manifestar a súa máxima repulsa contra o terrorismo.”

Así o informou esta mañá a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao mércores 23 de marzo.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou dúas modificacións por importe total de 105.000 euros do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2016 relativas ao concellos de San Xoán de Río e de Verín.

En concreto, a modificación do plan no relativo ao Concello de San Xoán de Río, incorpora ao plan provincial, en substitución da obra “urbanización rúa do Campo-prolongación ata o camiño da Nogueira”, a obra denominada “mantemento da rede viaria municipal I”, por importe de 52.500 euros. E, a outra modificación do plan relativa ao concello de Verín, incorpora ao plan, en substitución da obra “1ª fase da urbanización da estrada de Vilela”, a obra denominada “urbanización acceso á Rasela”, cun importe de 52.500 euros.

Asemade, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda por importe de 6.000 euros ao Concello de Xunqueira de Ambía para o Plan Piloto de Cooperativismo.

Na reunión desta mañá, acordouse a concentración na entrada principal do Pazo Provincial da Deputación de Ourense, ás 12.00 horas, para gardar un minuto de silencio polas vítimas dos atentados terroristas de Bruxelas. Montserrat Lama expresou as súas condolencias a todos os familiares e amigos das vítimas “non conseguirán os seus obxectivos, xuntos sumamos máis”, destacou a deputada provincial.

23 de marzo de 2016 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.