A Xunta celebrará na Coruña unha xornada informativa sobre as medidas para apoiar ás familias en risco de perder a súa vivenda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Xunta celebrará o vindeiro venres na Coruña unha xornada informativa sobre as medidas postas en marcha polo Goberno autonómico para apoiar ás familias en risco de perder a súa vivenda. A xuntanza, que será inaugurada ás 11 da mañá pola conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle, terá lugar na sede da Delegación territorial do Goberno galego na cidade herculina.

Á xuntanza están convocados os alcaldes da área metropolitana, así como os responsables e técnicos dos servizos sociais municipais e os axentes xudiciais implicados nos procesos de desafiuzamentos. En concreto, están chamados a participar neste encontro os representantes dos concellos da Coruña, Arteixo, Culleredo, Oleiros, Bergondo, Carral, Abegondo, Sada e Cambre. Ademais do xuíz Decano da Coruña; o xuíz Decano Sustituto da Coruña; a Secretaria do Servizo Común de Notificacións e Embargos de Coruña; o presidente FEGAMP; e a deputada provincial de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero.

Esta xuntanza ten como obxectivo contribuír a que as medidas de protección do dereito á vivenda activadas polos Goberno galego cheguen aos que realmente as necesitan a través da súa difusión e maior coñecemento. Ademais, preténdese fomentar a colaboración entre administracións coa fin facer chegar de forma efectiva as axudas aos posibles beneficiarios.

Por ese motivo, na reunión, ademais de expoñerse as medidas postas en marcha pola Xunta, convidarase aos participantes a achegar as súas perspectivas sobre a problemática social en relación coa vivenda e o seu tratamento desde os distintos niveis da administración e a xustiza.

15 de marzo de 2016 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.