publicidade hoxe

A Xunta asigna nove vivendas de promoción pública en Becerreá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáLocal Portada
A-
A+

O Instituto Galego da Vivenda e Solo realizou hoxe o sorteo de asignación entre adxudicatarios de nove vivendas de promoción pública en Becerreá. Este sorteo serviu para asignar unha vivenda concreta a cada un dos adxudicatarios, que despois puideron coñecer as súas futuras vivendas acompañados de técnicos do IGVS.

As vivendas están incluídas nun grupo de 45 vivendas de promoción pública construídas polo IGVS en Becerreá, cun investimento de máis de 3,1 millóns de euros.

Despois do sorteo e unha vez coñecida a vivenda que corresponde a cada adxudicatario, o IGVS realizará o estudo económico no que se determina o réxime de adxudicación (alugueiro ou compravenda) e o prezo a pagar, en función dos ingresos e composición da familia. A normativa obriga a adxudicar en réxime de alugueiro cando os ingresos ponderados do adxudicatario non superan 1,5 veces o Iprem.

Posteriormente comunicarase a adxudicación e as condicións da mesma a cada adxudicatario, abríndose un prazo para a aceptación da vivenda e para a realización dos trámites previos á entrega de chaves.

No último ano, a Xunta entregou aos seus adxudicatarios máis de 400 vivendas de promoción pública nas catro provincias galegas.

18 de marzo de 2016 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.