A Xunta aposta polos obradoiros de formación que amplían as oportunidades laborais dos menores de 30 anos
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe na Coruña na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego que ao longo dos últimos 6 meses se desenvolveu de xeito específico para menores de 30 anos e no que participaron un total de 28 mozos e mozas sen emprego.
Os alumnos e alumnas formáronse e recibiron un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional nas especialidades de Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos e Sistemas microinformáticos.
Ademais de recibir unha formación especializada e acorde ao actual mercado laboral, os beneficiarios desta iniciativa participaron na dixitalización do arquivo do Servizo Municipal de Emprego e introdución de datos na base do Concello da Coruña, ao tempo que apoiaron ao persoal deste servizo municipal na asistencia técnica dos equipos informáticos existentes e montaxe con novos elementos para a creación dunha aula informática.
Marnotes avogou por estes programas mixtos de formación e emprego que amplían as oportunidades laborais das persoas desempregadas, sinalando que estes programas, ademais de ofrecer unha cualificación teórica e práctica de calidade, orientada ás necesidades do mercado laboral, permiten aos seus participantes acceder a un emprego.
Así mesmo, o director xeral destacou a importancia da formación e aprendizaxe, xa que explicou que “apostar pola cualificación é apostar pola creación de empregos estables e de calidade e por novas oportunidades de traballo”. Neste senso, subliñou que a Xunta vén de aprobar e activar con 900 millóns de euros a Axenda 20 para o Emprego para impulsar o emprego estable e de calidade para o novo modelo produtivo de Galicia baseado no crecemento e no coñecemento.
Esta folla de ruta, que ten como obxectivo reducir o desemprego ata o 10% coa creación de 100.000 postos laborais ata 2020, inclúe entre os seus principais retos reforzar a formación e especialización ao longo da vida laboral dos galegos e galegas.
“O compromiso do Goberno galego é facilitar unha maior inserción laboral das persoas desempregadas”, apuntou Marnotes. Por último, o director xeral explicou que outras das vantaxes destes programas mixtos é o fomento da colaboración institucional, xa que se realizan en coordinación cos concellos.
En definitiva, indicou que o reto principal da Xunta con estes programas é “preparar á mocidade para ser capaces de adaptarse ao entorno laboral cambiante no que se atopa Galicia co obxectivo de seguir a reducir as cifras do desemprego xuvenil”.











