A Xunta apoia a promoción da solidariedade a través do congreso “Lo que de verdad importa”

Rey Varela no congreso “Lo que de verdad importa”
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá aos participantes no congreso “Lo que de verdad importa”, un evento celebrado nesta xornada na cidade da Coruña, que promove e difunde valores como a superación, o esforzo, o optimismo, a solidariedade ou a xenerosidade.
A Fundación “Lo que de verdad importa” celebrará este congreso en diferentes cidades españolas, co obxectivo de ser unha ferramenta motivacional que complemente a formación académica dos mozos e mozas, espertando as súas conciencias a través do relato de experiencias persoais impactantes e inspiradoras. A Xunta de Galicia comparte con esta fundación a importancia de difundir entre a mocidade os valores humanos a través de actividades sociais, culturais ou divulgativas, por elo, a administración autonómica colabora economicamente con “Lo que de verdad importa” na celebración deste congreso. Ata o momento, a fundación celebrou un total de 85 congresos ao que acudiron máis de 150.000 mozos e mozas.
Horas antes da visita, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, inaugurou o congreso, destacando na súa intervención que “a participación xuvenil en iniciativas coma esta, leva aparellado o desenvolvemento de valores positivos, como son a comunicación, a responsabilidade e a autoconfianza”. Así mesmo, Cecilia Vázquez engadiu que dende o seu departamento búscase “traballar de forma eficiente e coordinada para crear novas oportunidades, o que supón un obxectivo irrenunciable para garantir non só o presente, senón tamén o futuro”.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, amosa o seu compromiso coa Xuventude a través da participación neste tipo de iniciativas que buscan o desenvolvemento persoal e laboral da mocidade. Para a administración autonómica, os mozos e mozas galegos son o principal activo da sociedade xa que representan o futuro da economía e da cultura galega. Por elo, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, reforzou os seus orzamentos para poder impulsar diferentes actividades e iniciativas en beneficio dos rapaces e rapazas galegos.
Nesta lexislatura culmínase o proceso iniciado en 2010, que permitiu a renovación total dos programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Tras o cambio do marco de traballo, antigamente baseado na xestión do ocio e do tempo libre, na actualidade se desenvolven actuacións onde a adquisición de novas competencias xuvenís se realiza a través de programas de educación non formal.
Nos últimos anos a administración autonómica puxo en marcha proxectos pioneiros a nivel de todo o estado, que facilitan aos mozos e mozas a adquisición de coñecementos, habilidades e aptitudes que aumentan as súas posibilidades de empregabilidade, como ademais de Iniciativa Xove, os programas Erasmus +, Voluntariado Xuvenil, Galeuropa, Campaña de Verán e Deseñando o teu Futuro.











