A Xunta anima ás pemes a propoñer retos de supercomputación aplicados á Industria 4.0

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela, animou hoxe en Ferrol ás pemes a propoñer retos que poidan supoñer solucións a necesidades industriais avanzadas utilizando como ferramenta a supercomputación. O proxecto europeo Fortissimo 2, que ten como nodo en España o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), ten aberto ata o 18 de maio o prazo de recepción de propostas para experimentos que teñan un custo de ata 250.000 euros, “unha oportunidade que reforza as posibilidades reais de Galicia de posicionarse no liderado da Industria 4.0 a nivel internacional”, destacou Varela.

Á sesión informativa desta mañá no CIS Galicia asistiron representantes de pemes de toda a comunidade de diversos sectores, desde os altamente tecnolóxicos ata os tradicionais, ante os que o director de Gain aproveitou para presentar a colaboración Cesga-CIS Galicia-CIS Madeira como unha aposta segura polo incremento da competitividade “botando man das únicas ferramentas que abren hoxe en día as portas do mercado global: o coñecemento, a tecnoloxía e a orientación a solucionar problemas que poden marcar a diferenza sobre a competencia”.

O proxecto Fortissimo, que celebrou a súa primeira edición en 2013, vén de abrir unha nova convocatoria de proxectos cun orzamento total de 1,3 millóns de euros. As propostas aprobadas darán lugar a experimentos nos que participarán pemes e centros tecnolóxicos de toda Europa, nunha dinámica de innovación aberta. No marco desta segunda edición puxéronse en marcha 14 experimentos, algúns deles coa participación, ademais do Cesga, de Aimen, da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e de empresas galegas.

A simulación, a modelización numérica e a análise de grandes volumes de datos son tecnoloxías estreitamente ligadas á fábrica intelixente e, en xeral, á industria do futuro, denominada Industria 4.0. O seu uso require dunha gran capacidade de computación e de ferramentas de software especializado e servizos expertos aos que as pemes adoitan ter dificultades de acceso. “O obxectivo de Fortissimo é mellorar esta situación, que é extensiva á inmensa maioría das empresas galegas, abrindo para elas o maletín de ferramentas e o coñecemento que as grandes compañías teñen ao alcance da súa man”, expuxo Varela, que insistiu en que “as opcións de gañar calquera partido pasan por xogar en igualdade de condicións, coas mesmas botas e no mesmo céspede”, nun paralelismo coa tecnoloxía avanzada e o mercado.

O Cesga, como nodo español do proxecto, está a disposición das pemes, sobre todo das galegas, para participar nel. Como centro de supercomputación de altas prestacións, pode proporcionar os recursos de computación e big data necesarios para propoñer experimentos, ademais de asistencia especializada na preparación das propostas. Tamén ten capacidade para participar nos proxectos en calidade de socio e para apoiar as pemes na formación dos consorcios máis adecuados para o experimento que propoñen.

O CIS Madeira, enmarcado dentro da Axencia Galega de Innovación, traballa tamén con diversas pemes do sector da madeira de Galicia para a definición de experimentos para a presentación de propostas na convocatoria aberta de Fortissimo 2. As inquietudes empresariais abranguen desde a implementación de simulación do proceso de secado de madeira, onde se busca a optimización dos tempos de secado e a mellora da eficiencia enerxética do proceso, ata a mellora do coñecemento dos procesos de fabricación de produtos derivados da madeira e a optimización da loxística de aprovisionamento de materia prima.

Novo nodo de computación

Tal e como lembrou Varela, en menos de dúas semanas entrará en funcionamento no CIS Galicia un novo nodo de computación ao servizo do tecido empresarial galego. Xestionado a nivel técnico polo Cesga, constará dunha potente máquina de cómputo e dunha carteira de servizos avanzados que lles facilitarán o almacenamento e xestión de enormes cantidades de datos.

No mesma liña do proxecto europeo presentado hoxe, o novo nodo de computación ten como obxectivo facilitar servizos de simulación, modelización numérica e análise de grandes volumes de datos para axentes industriais en Galicia. O financiamento desta nova infraestrutura en Ferrol forma parte do paquete de investimentos por valor de 5,5 millóns de euros realizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en 2015 para optimizar os equipamentos xestionados polo Cesga ao servizo da empresa galega.

18 de marzo de 2016 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.