A Xunta adxudicará un total de seis vivendas de promoción pública na provincia de Ourense
A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), adxudicará seis vivendas de promoción pública vacantes en catro concellos da provincia de Ourense. A Comisión Provincial de Vivenda decidiu, na súa reunión de hoxe, iniciar o procedemento de adxudicación de ditas vivendas.
Os inmobles, que se adxudicarán a través do preceptivo sorteo entre os solicitantes inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia, están emprazados nos concellos de Vilamarín, na urbanización O Palomar (2 vivendas); no grupo A Cerámica no Barco de Valdeorras (1 vivenda); na avenida de Compostela 122 do Carballiño (2 vivendas ); e no grupo Primeiro de Maio en Verín (1 vivenda).
As vivendas a adxudicar son propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo e xa estiveron ocupadas por anteriores adxudicatarios. O réxime de adxudicación (aluguer ou compravenda) dependerá dos ingresos dos adxudicatarios, xa que a normativa obriga á adxudicación en alugueiro cando os mesmos non superan 1,5 veces o Iprem (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples).











