publicidade hoxe

A Xunta achega ao sector vitivinícola de Valdeorras a prevención de riscos laborais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Barco de Valdeorras
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), celebra hoxe a partires das 19,00 horas na Casa Grande Viloira do Barco de Valdeorras unha xornada técnica na que se abordarán os riscos laborais máis significativos do sector vitivinícola, tanto nas adegas como nas viñas e na vendima.

Nesta xornada, o ISSGA presentará as publicacións denominadas Os Actúa do Issga, un documento no que, de forma sinxela e visual, os traballadores do sector poden identificar os lugares e as tarefas habituais para eles, así como os equipos e máquinas que empregan a diario co fin de coñecer e evitar os riscos laborais aos que se enfrontan a diario.

Así, co obxectivo de dar a coñecer estes documentos, os técnicos do Issga expoñerán aos asistentes o seu contido. Na xornada tamén informarase das vindeiras actuacións do Issga no sector e darase resposta ás dúbidas e cuestións relacionadas con esta materia. O que se pretende é unha diminución da sinistralidade laboral continuada e a mellora das condicións de traballo das persoas empregadas.

Esta iniciativa vai dirixida a este sector vitivinícola, que se atopa diseminado ao longo das catro provincias galegas, con 5 denominacións de orixe protexidas e os seus respectivos consellos reguladores, e que ten especial relevancia na zona de Valdeorras.

O sector vitivinícola galego é un colectivo sometido a riscos por canto os seus traballadores están expostos a circunstancias de diversa índole, asociadas tanto ás formas tradicionais de produción, coma ás formas de traballo derivadas das importantes innovacións tecnolóxicas, que se teñen producido no sector, e que poden ser causa potencial de accidentes ou de enfermidades profesionais.

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) vén traballando na elaboración das publicacións dirixidas cara ás persoas que potencialmente poden ser suxeitos de riscos derivados de actividades que están moi ligadas ao sector primario.

No documento Os Actúa do Issga, Prevención de riscos en adegas recóllense os principais riscos e medidas preventivas asociadas aos traballos en adegas, que comprenden desde a recepción da uva na vendima, ata a saída do viño da adega. Así mesmo, recolle os riscos relativos á seguridade dos lugares de traballo e dos equipos, así como os riscos do ambiente de traballo, o uso seguro de substancias e mesturas e a manipulación manual de cargas.

Pola súa parte, no Actúa do Issga, Prevención de riscos en viñas inclúense os riscos máis habituais nas tarefas realizadas nas viñas, desde a preparación do terreo á recolleita da uva. Por último, o documento Actúa do Issga, Prevención de riscos na vendima está dedicado aos riscos durante os traballos da recollida da uva, o momento do proceso produtivo onde máis número de traballadores conflúen simultaneamente.

O obxectivo final desta actuación da Xunta é facer facilmente accesibles e comprensibles para os traballadores este tipo de riscos e as medidas preventivas que se poden tomar.

10 de marzo de 2016 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.