A xuíza rexeita a nulidade da causa contra Manuel Baltar solicitada pola súa defensa
A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 de Ourense rexeitou este martes as cuestións previas solicitadas pola defensa do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, antes da súa declaración como investigado por suborno, nas que se pedía a nulidade da causa e que non se permitise a personación de Democracia Ourensana como acusación popular.
Manuel Baltar, que estaba citado para as 12,30 horas, chegou dez minutos antes da hora concertada para declarar por supostos delitos de suborno e tráfico de influencias. O presidente da Deputación chegou en coche, só, e entrou nos xulgados sen responder ás preguntas da prensa.
Estaba previsto que a súa declaración se producise dúas horas máis tarde que a de Teresa F.C., a muller que o denunciou por ofrecerlle, presuntamente, un posto de traballo a cambio de sexo. Non obstante, ambos os dous compareceron con atraso, xa que a xuíza tivo que decidir sobre as cuestións previas presentadas polo avogado de Baltar.
A maxistrada rexeitou as dúas peticións do letrado da defensa e comezou a tomar declaración a Teresa F.C., que ata o momento respondeu a preguntas do seu avogado e a parte das que lle fixo o avogado de DO. Non obstante, non respondeu ás preguntas da defensa de Baltar.
SEN RESPONDER A PREGUNTAS
Á súa chegada, Manuel Baltar entrou directamente nos xulgados sen querer responder aos medios de comunicación. Dende que se coñeceu este caso, Baltar non quixo facer declaracións ao respecto e insistiu en circunscribir esta denuncia a unha esfera persoal, desvinculándoa do seu labor como presidente da Deputación.
Así, nas súas últimas declaracións ao respecto, un día antes de saír reelixido como presidente do PP ourensano, Baltar insistía en que a denuncia se trata dun asunto persoal: “do que todos falan menos eu”.
Tamén se reafirmou en manter “o mesmo comportamento” e “a mesma actitude” que ata agora, vinculándoo a unha cuestión persoal e buscando “a contundencia da lei”.
O CASO BALTAR
A mediados do pasado mes de outubro, Teresa F.C. denunciou ante a Fiscalía que Manuel Baltar lle ofrecera no ano 2010 “unha praza fixa” na Deputación provincial a cambio de manter relacións sexuais. Entón, esta institución aínda a dirixía o seu pai, José Luis Baltar.
Nun primeiro momento, a Fiscalía Provincial de Ourense decretou o arquivo de dilixencias de investigación penal, pero a muller presentou unha nova denuncia ante o xulgado de garda por un suposto delito de acoso sexual.
Tras estudar a denuncia e as gravacións achegadas pola muller, a xuíza encargada do caso excluíu a existencia de acoso sexual, ao non existir unha relación laboral, docente ou de prestación de servizos entre ambos os dous no momento da relación sexual.
Non obstante, sinalou a posibilidade dun delito de suborno e tráfico de influencias dada a relación persoal de Manuel Baltar co presidente da Deputación no momento dos feitos. Tras esta decisión a muller pasou a ser chamada como investigada como coautora dun delito de suborno, ao igual que Baltar.











