A Policía analiza o ordenador e o despacho do xoven ferrolano desaparecido en Santiago
A Policía continúa investigando a desaparición de Brais Bogo en Santiago de Compostela, unhas pescudas que non deron polo momento froitos e que se centran no ordenador, o teléfono e o despacho do mozo na capital galega.
Segundo confirmou este mércores o delegado do Goberno, Santiago Villanueva, polo momento non hai “máis datos” sobre o mozo, de 24 anos e orixinario de Ferrol, do que non se sabe nada desde o pasado venres.
Para tratar de localizalo, apuntou Villanueva, os seus amigos e familiares están a levar a cabo unha “campaña” a través das redes sociais e de carteis para pedir a “colaboración cidadá” e que se avise ás autoridades “se alguén o ve”.
Pola súa banda, a Policía continúa coas investigacións para determinar os últimos movementos do xoven e coñecer o seu paradoiro. Nestes momentos, explicou o delegado, está a analizarse o ordenador e o teléfono móbil de Brais Bogo, así como o despacho no que traballaba.
Santiago Villanueva lembrou, no entanto, que se trata da desaparición dunha persoa “maior de idade” e confiou en que poida resolverse sen que “haxa ningunha circunstancia desagradable”.











