A plataforma Xuntos denuncia que o goberno de Vigo premia ao funcionario investigado
A plataforma cidadá Xuntos denunciou este martes que o goberno municipal de Vigo “premiou” ao funcionario Francisco G.O., investigado no proceso xudicial polo suposto ‘enchufe’ da cuñada de Carmela Silva, aprobando unha encomenda de funcións que lle suporá asumir a responsabilidade de xefe de servizo de Participación Cidadá e máis de 7.700 euros ao ano adicionais no seu salario.
Segundo esta organización, que está personada na causa, este funcionario recibirá un “sobresoldo” a pesar de estar investigado xudicialmente e a que non ten a titulación requirida para asumir esa xefatura de servizo. “A conto de que vén ese nomeamento? É que non hai outro persoal adecuado para esa responsabilidade?”, preguntouse Xuntos.
Francisco G.O. está a ser investigado polo xulgado de instrución número 7 de Vigo, nunha causa na que tamén se investiga á familiar da presidenta da Deputación, e ao concelleiro de Emprego e Participación Cidadá, Santos Héctor Rodríguez. A xuíza indaga se, como algunhas testemuñas relataron, a cuñada de Carmela Silva foi contratada na concesionaria que xestionaba os centros cívicos por orde do Concello de Vigo, e se, para compensar a esta empresa por tela en nómina, se asinaron con ela nove contratos menores.
No seu día, tanto as testemuñas da concesionaria como o propio concelleiro investigado, negaron beneficiar a Vanesa F.B. por ser cuñada de Carmela Silva, e responsabilizaron ao funcionario Francisco G.O. da elaboración das facturas polos contratos menores con dita concesionaria.
A plataforma Xuntos apuntou que a decisión de “premiar” a este funcionario é “lamentable”, e preguntou se ese nomeamento (aprobado o pasado venres en Xunta de Goberno), “será por calar”, e se é un recoñecemento a un funcionario “fiel”, que está “disposto a cargar coas responsabilidades dos seus superiores”.











