A Plataforma Loxística do Sergas xestiona máis de 50.000 produtos
A Plataforma Loxística do Servizo Galego de Saúde xestiona, na actualidade, 50.200 produtos e máis de 3.500 artigos con control de caducidade ou temperatura para evitar perdas. Subministra xa a un total de 2.432 unidades de consumo emprazadas en 688 centros (hospitais, PACs, centros de saúde, consultorios e residencias). Así o destacou hoxe o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, nunha visita as instalacións de Negreira.
O investimento na edificación, na súa dotación e no sistema de información, superou os 15 millóns de euros. O almacén sitúase nunha parcela de máis de 17.000 m2, cunha superficie construída de máis de 9.100 m2.
A Plataforma Loxística do Sergas, que permitirá acadar un aforro estimado de 20 millóns de euros ao ano grazas á mellora da eficiencia vinculada á redución de custos operativos, das existencias e dos prezos de compra, conta con 159 traballadores e unha flota de distribución de 36 vehículos. Comezou a operar en xuño de 2013 e, dende finais de 2015, atende a todos os centros sanitarios públicos da nosa Comunidade Autónoma.
No almacén se reciben a maioría dos produtos sanitarios e non sanitarios que precisan os centros para a súa xestión, algúns almacénanse e outros, en tránsito, se agrupan para servilos aos centros xunto cos produtos almacenados.
Grazas á posta en marcha desta Plataforma, redúcese e optimízase o uso do espazo dedicado ao almacenamento nos centros sanitarios. Ademais, o maior control das existencias tanto nos almacéns das unidades de consumo como no almacén central da plataforma, posibilita reducir o nivel de stock.
A plataforma permite un coñecemento máis preciso e unha xestión automatizada e informatizada das necesidades das unidades de consumo, liberando ao persoal asistencial de tarefas innecesarias vinculadas ao aprovisionamento dos produtos.
Igualmente, hai un maior control da caducidade e da temperatura dos produtos, tanto na recepción, como no almacenamento e na distribución. Existe, tamén, unha progresiva homoxeneización dos produtos mercados eliminando a disparidade existente.
Xunto con todo o anterior, estase a reducir sensiblemente a utilización de papel nos procesos loxísticos coa implantación dun novo sistema de información. Por último, se tipifican e controlan as incidencias na prestación do servizo o que contribúe a medir e mellorar a calidade do servizo recibido.