A mancomunidade de Santiago aspira a reactivarse para coordinar os servizos de emerxencias dos concellos
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, explicou que conta “coa totalidade dos concellos” da mancomunidade de Santiago para a súa “reactivación”. Ademais, explicou que a primeira reunión deste ente supramunicipal se ocupará de analizar a súa situación e crear unha comisión para coordinar os servizos de emerxencias.
Neste sentido, recordou que “hai un remanente de 200.000 euros” nas arcas da mancomunidade polo que, aínda que as contas non foron regularizadas dende 2012 e espera poder actualizalas, máis que “poñer o foco nos pagamentos pendentes”, priorizarse a activación do ente, como explicou este venres nunha rolda de prensa en Santiago a preguntas dos medios.
Así mesmo, aclarou que todos os concellos englobados na comunidade “se mostraron a favor” da súa reactivación na reunión que mantiveron este xoves os seus alcaldes -a excepción do dirixente de Brión que non puido acudir-.
Ademais, aclarou que, se ben anteriormente criticara dende a oposición a mancomunidade, o fixera respecto á súa falta de actividade, non respecto á súa existencia.
En canto ás decisións que se tomarán na primeira reunión do ente, o alcalde compostelano concretou que se procederá a nomear comisións específicas para cada tema pendente.
Ao respecto, concretou que a primeira comisión que se constituirá será a de emerxencias. A razón, segundo especificou, é a “necesidade” de coordinar estes servizos e solucionar problemáticas como a altura dos edificios de Milladoiro (Ames), que dificulta o acceso dos bombeiros en caso de emerxencia, ou a situación do Concello de Vedra, que en ocasións se viu obrigado a utilizar os servizos de emerxencias de Boqueixón.











