A Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade atende ás demandas da Asociación Síndrome de Down de Lugo
A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Coro Piñeiro Vázquez, mantivo hoxe unha xuntanza con membros da Asociación síndrome de Down de Lugo, co obxecto de atender ás súas propostas e demandas, así como estudar posibles vías de colaboración.
Piñeiro Vázquez insistiu en que as persoas con Down “son un colectivo de vital importancia” e que o obxectivo “é acadar a plena integración de todos os grupos da sociedade, en especial daqueles que se atopan con maiores dificultades como as persoas con Down e outras discapacidades intelectuais”. Ao respecto, esta directora xeral manifestou que contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas que teñen capacidades diferentes é unha das prioridades da Consellería de Política Social; e salientou a importancia de seguir aumentando a colaboración que dende a administración autonómica se mantén co tecido asociativo que atende de primeira man as demandas que presentan as diferentes diversidades.
O Goberno galego aumentou nun 10% para este ano de 2016 a contía do convenio coa Federación Down Galicia ate chegar a un montante total de 446.838 euros e co obxectivo de contribuír ao mantemento da federación e a que esta preste uns mellores servizos. Así mesmo, a Oferta Pública de Emprego da Xunta de Galicia para 2015 incorpora por primeira vez 6 prazas para discapacidade intelectual, unha oferta que se duplica na convocatoria para 2016 con 12 prazas, máis outras 17 do Sergas.
Xornada sobre dependencia
Por outra parte, a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade participou na sede da delegación territorial de Lugo nunha xornada informativa sobre o sistema para a autonomía e atención á dependencia dirixidas a traballadores e traballadoras sociais. O obxectivo destes encontros é informar aos profesionais dos servizos sociais de diferentes ordes de axudas, procedementos e tramitacións en materia de discapacidade.
Así, a orde do día das sesións inclúe información sobre a nova orde que rexerá a concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal a persoas con discapacidade. A administración autonómica traballa nestes momentos na preparación da convocatoria desta liña de axudas, que conta con financiamento do Fondo Social Europeo (FSE) e que se abrirá ao longo dos vindeiros meses. Tamén se abordaron cuestións como o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade e dependencia; con especial atención á tramitación telemática por tratarse dunha nova ferramenta a disposición dos traballadores sociais.
Así mesmo, outros dous puntos nos que se fixo fincapé na sesión informativa celebrada esta mañá na delegación coruñesa foron a Guía de actuación coordinada contra o maltrato de persoas maiores ou adultas con discapacidade e o teléfono social. A finalidade foi facer un recordatorio aos traballadores sociais dos concellos e de saúde que asistiron a esta charla do contido e obxectivos desta Guía así como do rexistro de maltrato, como principais axentes implicados na detección e intervención en casos de malos tratos a persoas maiores ou adultas con discapacidade.
Difusión do teléfono social
No que atinxe ao teléfono social -900 333 666-, trátase de facer unha nova difusión deste servizo como instrumento de consulta sobre todo tipo de información e orientación dos recursos existentes para persoas maiores, con dependencia ou discapacidade; así como vía de entrada de denuncias de presuntas situacións de maltrato a persoas maiores ou con discapacidade adultas, e a súa derivación ao organismo correspondente.
Estas sesións informativas de ámbito provincial e dirixidas a profesionais dos servizos sociais e do ámbito sanitario comezaron onte na Coruña, seguirán na xornada de mañá en Ourense e rematarán este venres en Vigo.











