A deputada de Benestar Social presenta a Cogami as novas liñas de colaboración coas entidades
A deputada da área Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero, Ánxela Franco, mantivo unha reunión coa directiva de Cogami á que lle presentou as novas liñas de colaboración coas entidades.
Escoitar as demandas e as preocupacións das entidades que traballan no ámbito dos Servizos Sociais e presentar as liñas de colaboración que está a desenvolver a Deputación da Coruña son os obxectivos da serie de xuntanzas que a deputada de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero, Ánxela Franco, está a manter coas distintas entidades que traballan na área de servizos sociais.
Nesta ocasión, a deputada nacionalista visitou as instalacións centrais de Cogami e reuniuse con parte da súa directiva, encabezada polo presidente Anxo Queiruga. Ánxela Franco atendeu os datos da situación da entidade que traballa de maneira especial no ámbito laboral das persoas con capacidades diferentes, liña de traballo pola que se mostrou especialmente interesada. “Compartimos a idea de que é precisa a inserción laboral para a eliminación da discriminación de persoas con distintas capacidades e ese é un campo de traballo conxunto”, sinalou a deputada.
No ámbito da conversa avaliouse a situación dos locais e das distintas asociacións que forman parte da entidade até as liñas de subvención.











