A deputada de Benestar Social da Deputación defende o papel da cultura na loita contra a exclusión social
A deputada de Benestar Social, Educación e Politicas de Igualdade de Xénero, Ánxela Franco defende a cultura como ferramenta para a loita contra a exclusión social na presentación das VIII Xornadas sobre a Inclusión Social e a Educación nas Artes Escénicas que se desenvolverán do 20 ao 22 de abril na Coruña.
A Deputación da Coruña colabora nas VIII Xornadas sobre a Inclusión Social e a Educación nas Artes Escénicas que terán lugar dos días 20 ao 22 de abril da Coruña organizadas desde o Teatro Rosalía Castro coa Concellaría de Culturas como anfitriona deste encontro que convoca a relevantes especialistas na materia.
“A cultura como ferramenta para a integración é un camiño que exploramos desde a área de Servizos Sociais da Deputación da Coruña con interesantes resultados”, sinalou a nacionalista Ánxela Franco que participou na presentación das xornadas no Concello da Coruña canda, entre outros, o concelleiro de Culturas, Xosé Manuel Sande e o director do Teatro Rosalía, Paulo Rodríguez.
En especial, Ánxela Franco referiuse ao concurso de guións ou banda deseñada como algunhas das propostas encamiñadas ao ámbito educativo para loitar contra o sexismo e a discriminación. De maneira singular, referiuse ao novo programa “Contamos todas”, como unha iniciativa que “aposta polo teatro para concienciar a mocidade contra a violencia de xénero”. A compañía Tropa de Trapo emprega nesta nova proposta da Deputación da Coruña, técnicas do teatro social e participativo para contribuír á sensibilización social contra a violencia de xénero nos centros de ensino.
“Obriga das institucións traballar por un mundo mellor, máis igualitario e xusto e a cultura, as artes escénicas, son unha ferramenta de grande valor para bater conciencias, para integrar e eliminar as exclusións e discriminacións”, sinalou a deputada nacionalista, nun eixo de coincidencia coas VIII Xornadas sobre a Inclusión Social e a Educación nas Artes Escénicas que se organizan a nivel estatal teñen, nesta nova edición, a súa sede na cidade da Coruña.











