A Deputación de Pontevedra promove a estrea do filme “Creadoras de Cinema: Pontevedra”
No marco do programa que está a impulsar a Deputación de Pontevedra, “Cinema e muller”, mañá ás 20.30 horas o Auditorio do Concello de Vigo acollerá, de balde e ata completar o aforo, a estrea da película colaborativa “Creadoras de Cinema: Pontevedra” que inclúe curtas elaboradas por dez creadoras galegas entre as que se atopan Carla Andrade, Bego Santiago, Carme Nogueira, Eva Calvar, Sonia Méndez, Andrea Zapata-Griau, Lara Bacelo, Olaia Sendón, Diana Toucedo e Claudia Brenlla.
“Creadoras de Cinema: Pontevedra” trátase dun proxecto con temática e punto de vista de xénero no que as dez creadoras fixeron de directoras, cámaras e montadoras, demostrando a capacidade que teñen de realizar unha película de principio a fin cun orzamento e tempo axustado. O resultado é unha película de curtametraxes tecida coa influencia de cada unha das dez creadoras e na que se abordan cuestións como a intimidade da creación, a corporeidade da natureza, a loita por facer oír a voz das mulleres, o traballo, as dificultades da conciliación, corpo e interior da muller, relacións entre xeracións de mulleres da mesma familia, etc.
Trala estrea da película en Vigo (16 de marzo ás 20.30 no Auditorio do Concello) e Pontevedra (17 de marzo ás 19:30 horas no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra) colgarase no especial “Cinema e muller” ao alcance de todas e todos os internautas.
O proxecto “Cinema e muller” no que se enmarca a estrea de “Creadoras de Cinema: Pontevedra” trátase, en palabras da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, “dun traballo para visibilizar a setenta mulleres que se dedican profesionalmente ao mundo do cine na provincia, un sector onde sempre foi e é moi difícil abrirse paso”. Para elo, o proxecto impulsou, amais do estreo da película, un mapeo de mulleres realizadoras vinculadas á provincia que abrangue a máis de 70 creadoras con, polo menos, unha estrea pública.
“Cinema e muller” inclúe tamén unha serie de charlas sobre cinema e xénero que terán lugar no MARCO de Vigo os días 17 e 18 de marzo, de 10.30 a 14:00 horas. Estas charlas serán impartidas por profesoras e investigadoras do ámbito universitario, feministas e especialistas en cinema e xénero entre as que se atopan Mar Caldas, Margarita Ledo, Marta Pérez, Ánxela Caramés, Carme Nogueira e Renata Otero.
O programa de “Cinema e muller” rematará o 18 de marzo ás 21:00 horas cun concerto de “Cinta Adhesiva”, que conxuga artes escénicas, poesía, música e vídeo arte, na Praza da Colexiata de Vigo.











