A Deputación de Pontevedra mantén o peche da estrada provincial ao pazo de Oca ata o martes 29
A Deputación de Pontevedra manterá ata o vindeiro martes 29 o peche da estrada provincial EP-7017 no treito Riobó-Oca para garantir a seguranza viaria. A empresa Narom apourou os traballos nos últimos días, pero debe retirar aínda os postes de telefonía e luz, rematar a última capa de rodadura e pintar a sinalización horizontal, aínda dentro do prazo autorizado pola institución provincial. Debido a isto manterase a sinalización das obras e da restrición de tráfico colocada para advertir aos vehículos da imposibilidade do acceso.
Para ampliar a ponte sobre o río a empresa Narom traballou dende o pasado 29 de febreiro. Dende entón retirou o firme antigo e demoleu a varanda de pedra existente. Despois dispuxo lousas de formigón armado de nove metros de longo e 2,4 de largo ata completar o total da construción ( 31,20 metros). Finalmente executou un muro de mampostería e instalou 62,40 metros de varanda de aceiro de 1,08 metros de altura. Esta servirá de protección a ambos lados da ponte xunto cunha barreira de seguranza que protexerá aos peóns do tráfico de vehículos.
As obras de mellora de trazado e seguranza viaria da estrada que une Callobre e Ponteledesma no tramo Riobó-Oca teñen un orzamento de adxudicación de 561.712 euros. Iniciáronse o 11 de xaneiro deste ano e prevese que rematen no mes de xuño. A intención da actuación é mellorar a mobilidade no acceso ao Pazo, xa que a vía provincial conecta o núcleo da vila coa construción e había problemas para os tránsitos peonís e tamén de vehículos.











