A Deputación de Pontevedra colabora coa Asociación Galega de Linfedema na edición dunha guía sobre a enfermidade
A Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Asociación Galega de Linfedema (AGL), editou unha guía sobre a enfermidade.
A deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, entregou hoxe estas guías para que a asociación poida repartir os exemplares o próximo domingo, día 6 de marzo, que se quere instaurar como o Día Mundial do Linfedema.
A deputada de Cohesión Social subliñou a “importancia de colaborar con entidades coma a Asociación Galega de Linfedema para dar a coñecer enfermidades coma esta que, ademais, afecta dun xeito moi importante a algunhas das mulleres tratadas de cáncer de mama”. “Dende a Deputación -destacou Rivas- queremos achegar o noso pequeno gran de area para que as persoas que padecen esta enfermidade poidan ter toda a información sobre ela e os seus tratamentos, que é o que se reflicte nesta guía”.
Precisamente, a publicación editada pola Deputación recolle a explicación da enfermidade, as complicacións, os seus tratamentos, así como as medidas preventivas. Tamén inclúe os efectos que sofren os doentes da enfermidade e as estratexias para afrontalos, con exercicios ou dietas que melloran a súa situación persoal.
O linfedema é unha enfermidade provocada pola acumulación de proteínas (auga, sales, etc) nas extremidades do corpo, provocando o aumento do seu tamaño. No caso das mulleres tratadas de cáncer de mama con cirurxía na axila para extirpar os ganglios ou nódulos linfáticos, existe un risco de desenvolver a enfermidade de ata un 10%. Unha porcentaxe que aumenta ata o 25 % cando se aplica radioterapia na axila.
De aí a importancia de darlles visibilidade e información a estes doentes, dos que na comunidade autónoma galega se estima que poden existir preto de 100.000 persoas.











