A Deputación de Pontevedra asina un convenio de colaboración co Coruxo Club de Fútbol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra e o Coruxo Club de Fútbol, que xoga na segunda división B da Liga de Fútbol Nacional, asinaron esta mañá un convenio de colaboración a través do cal a institución provincial achega 100.000 € para a temporada 2015-2016. A través deste convenio, a institución provincial pretende divulgar e promover entre a mocidade da provincia de Pontevedra os valores da práctica deportiva.

En concreto, o Coruxo Club de Fútbol comprométese a incluír o logotipo da Deputación de Pontevedra na equipaxe do primeiro equipo e a situar diversa publicidade estática no campo de O Vao. Amais, o equipo entregará invitacións para que os participantes nas escolas deportivas da institución provincial, ata a categoría de xuvenil, poidan acceder de balde ós encontros que se desenvolvan no campo de O Vao.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, manifestou que “o Coruxo Club de Fútbol é un dos clubs referentes da cidade de Vigo, que permite que centos de mozas e mozos poidan practicar deporte”. Neste contexto, Silva subliñou que “é unha honra asinar este convenio porque practicar deporte fai sociedades máis sas, unidas e con valores positivos. Por isto o noso compromiso co deporte é moi firme”. Nesta liña, a Presidenta da institución provincial adiantou que nas vindeiras semanas “asinaremos outros convenios similares cos clubs máis representativos da provincia entre os que se atopan, ademais do Coruxo, o Celta de Vigo, Pontevedra C.F., Club Balonmán Cangas, S.D. Teucro, Club Atlético Guardés, Club Balonmán Porriño, Fútbol Sala de Poio, Gimnástica de Pontevedra e Club Ciclista Froiz “.

Pola súa banda, o Presidente do Coruxo Club de Fútbol, Gustavo Falque, agradeceu o esforzo e achega da Deputación de Pontevedra e manifestou que “sen o seu apoio o Coruxo non podería competir en 2ªB”.

22 de marzo de 2016 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.