A Deputación da Coruña triplica o orzamento destinado aos servizos de normalización lingüística dos concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Tres veces máis de orzamento, sete servizos novos e catorce concellos máis beneficiarios son as novidades da nova convocatoria da Deputación da Coruña destinadas a concellos e outras entidades locais para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística para o ano 2016.

Un total de 432.000 € será o orzamento que a Deputación da Coruña destine aos servizos de normalización lingüística dos concellos, nunha convocatoria na que se presentaron 38 solicitudes fronte ás 25 do exercicio anterior que contou cunha partida de 150.000 euros, practicamente un terzo do que se dedica na actualidade. Boa parte do incremento desta cantidade está investida en duplicar a cantidade que recibe cada un dos concellos para o pagamento do persoal técnico de normalización lingüística. Pásase, neste sentido, dos 6.000 euros de convocatorias anteriores aos 12.000 desta edición.

A nova convocatoria da Deputación suporá a creación de sete servizos novos ademais de reforzar os das tres cidades, novidade que se introduciu ao se valorar a necesidade de implementar os esforzos para a normalización nos ámbitos urbanos. A iniciativa será chave á hora de manter tamén os outros 26 servizos que operan no territorio provincial.

A convocatoria sobe, desta maneira, chanzos con respecto á edición anterior e suporá un importante reforzo para os servizos de normalización lingüística dos concellos. “Para nós é de vital importancia dotar os concellos con servizos que, doutra maneira non poderían soster e, no caso da normalización lingüística, as entidades locais son especialmente interesantes por estaren en contacto directo coa xente”, destaca Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsábel tamén da área de Normalización Lingüística.

No BOP do 7 de marzo publicábase a concesión provisional de subvencións que outorga a cantidade de 12.000 euros ás solicitudes presentadas polos concellos da Baña, Abegondo, Ames, Arteixo, Betanzos, Boimorto, Boiro, Brión, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, Culleredo, Dumbría, Fisterra, Melide, Miño, Muros, Narón, Noia, Oleiros, Oroso, Outes, Ponteceso, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Sada, Santa Comba, Teo, Vimianzo e as cidades de Santiago e A Coruña á que se engadirá Ferrol, pendente de reparar un erro na solicitude. Nalgúns casos, as subvencións solicitadas por un dos concellos asisten a varios como é o caso de Toques que comparte servizo con Santiso, A Baña con Negreira, Abegondo con Coirós, Boimorto con Sobrado e Arzúa, Carnota con Mazaricos, Dumbría con Muxía, Outes con Lousame ou Rois con Dodro.

8 de marzo de 2016 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.