A Deputación da Coruña destina 1,2 millóns de euros para financiar a limpeza de praias e a contratación de socorristas
A Deputación da Coruña ven de convocar os programas de limpeza de praias e contratación de socorristas destinados aos concellos da provincia e dotados con 1,2 millóns de euros.
Ambos programas teñen criterios de asignación obxectivos e transparentes, que permitirán aos concellos facer de antemán un cálculo moi aproximado do que lles corresponderá. Ademáis de contribuir á mellora da imaxe das máis de 360 praias coruñesas de cara á tempada estival e ao incremento da seguridade das piscinas municipais, estes programas axudarán tamén á creación de emprego durante os meses de verán, xa que ao seu cargo contratáronse o pasado ano preto de 300 persoas.
O programa de limpieza de praias, destinado aos concellos costeiros da provincia, está dotado cun orzamento de 900.000 euros.
A finalidade do mesmo é apoiar aos concellos coruñeses no sostemento dos gastos de contratación do persoal das brigadas que se encargarán da limpeza dos areais da provincia durante a tempada estival.
A subvención para a creación destas brigadas de limpeza ten unha duración máxima de tres meses, que deberán estar comprendidos entre o 1 de maio e o 31 de outubro de 2016. O importe máximo que poderá recibir cada concello solicitante a través deste programa ascende a 33.840 euros e o mínimo a 6.768 euros.
A Deputación aplicará criterios obxectivos para a baremación das solicitudes, en función da superficie total das praias existentes en cada termo municipal, segundo os datos facilitados polo Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Marino, e a poboación oficial do concello, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística.
A superficie das praias valorarase cun máximo de 70 puntos (para aqueles concellos que teñan máis de 400.000 metros de superficie de praias), mentres que a poboación do municipio suporá ata 30 puntos na valoración.
Ademáis, a Deputación destinará este verán 300.000 euros para financiar a contratación de socorristas nas piscinas municipais e praias fluviais dos concellos do interior da provincia con menos de 50.000 habitantes.
O importe máximo que poderá percibir cada concello neste programa será de 6.500 € e o mínimo de 2.500 € e o período máximo de contratación será tamén de tres meses. Os criterios de baremación deste programa serán a superficie total das piscinas municipais (ata 70 puntos) e a poboación do concello (ata 30 puntos).











