A Deputación da Coruña convoca un concurso de viñetas pola igualdade
Até o 29 de abril está aberto o prazo de presentación de traballos para o VII Concurso de Viñetas Xénero, Medios e Comunicación, convocada pola área de Igualdade e Servizos Sociais da Deputación da Coruña.
Dirixida a mozas e mozos de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, o VII Concurso de Viñetas, Xénero, Medios e Comunicación súmase ás distintas iniciativas que a área de Igualdade e Servizos Sociais a Deputación da Coruña, dirixida pola nacionalista Ánxela Franco destina ás etapas formativas como o certame de guións contra a violencia de xénero ou de proxectos educativos pola igualdade.
O obxectivo da iniciativa é reflexionar sobre o tratamento de xénero na comunicación (escrita, oral, non verbal, etc…) e nos diferentes medios (prensa, televisión, redes sociais, publicidade, cine, literatura, música…) a través dunha viñeta ou tira de viñetas e concienciar sobre a necesidade de cambios de modelos e valores para acadar a igualdade de xénero real. O concurso contempla dúas categorías, na A poden participar nenos e nenas de entre 12 e 14 anos e na B de 15 a 18. “Son idades fundamentais se queremos construír un futuro de igualdade e sen discriminacións e por desde as administracións temos que impulsar inicitivas participativas que leven a reflexionar sobre o sexismo existente”, sinalou Ánxela Franco.
Os venres dos meses de marzo e abril, a Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña organiza como actividade complementaria o VX Curso de Banda deseñada no que poden participar persoas de todas as idades aínda que, de maneira especial, nenos e nenas que poden participar na convocatoria. No curso quere visibilizarse o papel da muller nos distintos medios de comunicación a través de diferentes actividades plásticas. Este venres 18 de marzo, a Biblioteca organiza de 17:30 a 20:00 h. o obradoiro aberto “A muller nos medios de comunicación”, onde nenas e nenos acompañados de familiares realizarán unha radio en 3D e os seus reporteiros.
As bases completas pódense consultar na seguinte ligazón : http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2016/03/07/2016_0000001608.html











