A Deputación asina co Pontevedra Club de Fútbol un convenio para o fomento do deporte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asinou hoxe o convenio de colaboración coa presidenta do Pontevedra Club de Fútbol, Guadalupe Murillo, en presenza do alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores.

O acordo recolle a achega económica da Deputación, por valor de 160.000 euros, para esta temporada e, a cambio, o club comprométese a que o logotipo da institución luza na súa equipación do primeiro equipo e no campo de Pasarón, ademais de ofrecerlles aos concellos da provincia entradas para os partidos o través das escolas deportivas municipais para as categorías inferiores.

Carmela Silva indicou que este convenio, ao igual que os outros acadados cos equipos de elite de toda a provincia, son fundamentais na política deportiva da institución provincial, “xa que é un dos servizos máis demandados polos cidadáns, xa que non só é apoiar a un equipo senón é apostar por unha forma de vida saudábel para toda a sociedade e un xeito de apoiar a economía das localidades”.

A presidenta da Deputación subliñou que a firma deste convenio no Concello de Pontevedra, en presenza do seu alcalde, é porque a institución provincial “considera que os protagonistas da acción local son os propios alcaldes e alcaldesas e os concellos. Nós queremos tamén que quede claro que ese é o compromiso da nova Deputación cos concellos”.

Por último, Carmela Silva destacou que este apoio vai ser unha constante nos próximos anos e chegou a anunciar “que, como o Pontevedra nos vai dar moitas alegrías nestes anos, incluso teremos que ampliar este apoio”.

Pola súa banda, a presidenta do Pontevedra Club de Fútbol agradeceu a promesa de Carmela Silva, que, “desde o primeiro día, nada máis chegar ao cargo, nos transmitiu o seu apoio e o seu compromiso co Pontevedra, que naquel momento nos tranquilizou e hoxe, finalmente, trasladamos ao novo convenio”.

Pola súa banda, o alcalde, Fernández Lores, agradeceulle tamén a Carmela Silva a súa deferencia por rubricar este convenio co Pontevedra Club de Fútbol no Concello, polo que este equipo representa para a cidade, e que espera “que este apoio económico da Deputación sirva para que o equipo siga medrando en categorías e que incluso, algún día, poida estar competindo co Celta”.

29 de marzo de 2016 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.