A consellería de Política Social afonda no seu compromiso coas persoas con discapacidade intelectual coa visita a Down Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Xunta reforza este ano o seu compromiso coas persoas con síndrome de Down e os seus familiares con máis recursos económicos destinados á Federación Down Galicia e aumentando as prazas reservadas para este colectivo dentro da Oferta Pública de Emprego. Estes foron algúns dos asuntos que a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez, abordou hoxe cos responsables de Down Coruña nunha visita ás dependencias desta entidade.

Piñeiro Vázquez insistiu en que as persoas con Down “son un colectivo de vital importancia” e que o obxectivo “é acadar a plena integración de todos os grupos da sociedade, en especial daqueles que se atopan con maiores dificultades como as persoas con Down e outras discapacidades intelectuais”. Ao respecto, esta directora xeral manifestou que contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas que teñen capacidades diferentes é unha das prioridades da Consellería de Política Social; e salientou a importancia de seguir aumentando a colaboración que dende a administracións autonómica se mantén co tecido asociativo que atende de primeira man as demandas que presentan as diferentes diversidades.

O Goberno galego aumentou nun 10% para este ano de 2016 a contía do convenio coa Federación Down Galicia ate chegar a un montante total de 446.838 euros e co obxectivo de contribuír ao mantemento da federación e a que esta preste uns mellores servizos. Así mesmo, a Oferta Pública de Emprego da Xunta de Galicia para 2015 incorpora por primeira vez 6 prazas para discapacidade intelectual, unha oferta que se duplica na convocatoria para 2016 con 12 prazas, máis outras 17 do Sergas.

1 de marzo de 2016 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.