A CIG denuncia ao Sergas ante Protección de Datos por chamar en consulta pacientes do CHUS polo seu nome

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

A CIG presentou denuncia este venres ante a Axencia de Española de Protección de Datos contra “as vulneracións” que realiza a Xerencia de Xestión Integrada de Santiago, do Sergas, en todas as consultas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) a facer chamamentos dos pacientes polos seus nomes e apelidos a “viva voz” e “mesmo por megafonía”.

Segundo explicou Camilo Agulleiro, de CIG-Saúde, o sindicato presentou unha queixa en decembro á xerencia de Santiago por esta situación e a contestación que se recibiu é que esta forma de chamar os pacientes se facía como algo “tradicional”.

Así, a CIG non considera “serio” que o Sergas vulnere a protección de datos dos pacientes aos que “se vincula coa patoloxía” que padecen.

De feito, o sindicato denuncia que esta fórmula se usa en todas as consultas do CHUS (Hospital Clínico, Hospital de Conxo, Hospital do Barbanza, Hospital Gil Casares e Hospital Psiquiátrico), dende atención especializada ata centros de saúde, agás o Concepción Areal.

Por iso, a CIG reclama ao Sergas que estableza un sistema que non permita identificar o paciente ao ser chamado para ser atendido nos centros, tal e como prevé o artigo 3 da lei orgánica de protección de datos.

Así, pide que se siga o exemplo doutros centros do Sergas, como o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) que, en vez de chamar polo nome, avisan polo número de cita, tal e como acontece noutras administracións como Hacienda ou a Seguridad Social.

18 de marzo de 2016 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.