A candidatura de Carmen Santos en Podemos Galicia propón cambios na comisión de garantías
A candidatura da viguesa Carmen Santos pechará este sábado o terzo da candidatura que encabeza elixido con nomes propostos dende os círculos municipais. Será nunha asemblea en Ames (A Coruña), despois dun período de inscrición e recepción de nomes, na que tamén está previsto que se presente a proposta organizativa, con cambios na comisión de garantías e a creación dunha estrutura comarcal de representación dos círculos.
Así, unha das propostas que ten o documento co que se presentará esta lista, como xa explicaron en días pasados fontes do equipo de Santos, é a de establecer cambios na Comisión de Garantías Democráticas, un dos órganos que tamén se renovará neste proceso de primarias internas, xunto co consello cidadán autonómico.
O proceso de renovación rematará o 12 de abril, tras unha campaña electoral de algo máis de dez días e despois do período de recollida de avais no que están inmersas as tres candidaturas que se postularon (a de Santos, a da deputada de En Marea Ángela Rodríguez e a do actual secretario xeral de Podemos Galicia, Breogán Riobóo).
Ao respecto dos cambios na comisión de garantías, fontes do equipo de Santos explicaron este venres que se trata de “aumentar a autonomía da comisión de garantías democráticas”, nas cales “se engaden medidas concretas de mellora”.
Entre elas, atópase a de eliminar a competencia, que estaba ata agora atribuída á mesa de coordinación, de incoar os expedientes internos, de maneira que se outorgue esta materia, “en exclusiva”, á comisión de garantías.
Ademais, a proposta tamén recolle que os asuntos da secretaría xeral ou membros do consello cidadán “serán remitidos á comisión de garantías estatal”. Finalmente, outra das liñas mestras será a “simplificación da redacción dos trámites dos expedientes”.
DINAMIZACIÓN DOS CÍRCULOS
En segundo termo, a candidatura proponse dinamizar os círculos “como canalizadores da participación da cidadanía e especial énfase no desenvolvemento dos órganos intercírculos comarcais”, que son, segundo explican os membros do equipo de Santos, “de vital importancia para garantir a representación de todos os núcleos de interese e necesidades do consello cidadán autonómico”. “Tema bastante abandonado ata agora”, aseguran.
Por outro lado, a candidatura de Carmen Santos comprométese, ademais, a “facer pública” a información das áreas de traballo, mentres que outro compromiso será o de “dinamizar a formación de círculos sectoriais”, como outro dos “dous grandes piares da organización de base”.
A candidatura de Carmen Santos asegura que o seu documento “non é papel mollado como o anterior”, senón que “será a guía do camiño na renovación de Podemos Galicia, que pasará a ser o partido que os galegos e galegas votantes de Podemos merecen”.











