publicidade hoxe

A campaña “O corazón está do teu lado” ponse en marcha na Estrada para formar aos máis novos nos hábitos de seguridade viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal Portada
A-
A+
Ethel Vázquez e Román Rodríguez na visita ao CEIP A Figueroa

Ethel Vázquez e Román Rodríguez na visita ao CEIP A Figueroa

A Xunta de Galicia puxo en marcha hoxe na Estrada a campaña ‘O corazón está do teu lado’, destinada a formar aos máis novos nos hábitos de seguridade viaria. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participaron esta mañá nas actividades da campaña no CEIP A Figueiroa, nun acto no que tamén estiveron presentes o alcalde, José López Campos, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Trátase da primeira campaña da Consellería de Infraestruturas para a educación viaria de nenos de entre 6 e 8 anos e forma parte do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, aprobado recentemente. Nas súas palabras, os titulares de Infraestruturas e de Educación incidiron en que é necesario que os nenos medren sendo conscientes da importancia que ten a seguridade viaria e o respecto polas normas de circulación.

Ethel Vázquez explicou que estas actividades forman na seguridade incide na necesidade de circular polo lado da estrada e na importancia de utilizar o chaleco ou outras prendas reflectantes, e destacou que se trata de fomentar hábitos e condutas seguras entre os máis novos, ofrecéndolle consellos e normas básicas de seguridade viaria.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, reivindicou a cooperación interdepartamental como unha das mellores fórmulas para seguir afondando na “educación en valores” desde os propios centros educativos. Neste sentido, recordou os programas desenvoltos ao abeiro do Plan Proxecta en colaboración coas diferentes departamentos do Goberno galego co fin de avanzar cara unha escola activa, innovadora e cooperativa.

Rodríguez tamén lembrou algunhas das accións postas en marcha polo seu departamento en materia de educación viaria, en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, ademais dos diferentes cursos de formación, o portal web educativo específico sobre este ámbito ou os compromisos adquiridos con respecto ao Plan de Seguridade Viaria 2016-2020.

Durante o acto, repartíronse unidades didácticas, para que os profesores dispoñan de material didáctico para poder traballar cos nenos e dispositivos led en forma de corazón entre os rapaces, cos que se pretende educar aos nenos e subliñarlles o importante que é que empreguen as sendas peonís; que camiñen pola marxe esquerda da estrada, polo lado do corazón; e que se fagan ver o máximo posible ante vehículos que circulan pola vía co fin de evitar accidentes.

Actuacións nas estradas

Dentro das actuacións destinadas a mellorar a seguridade viaria, Ethel Vázquez anunciou que a Xunta vai actuar nas inmediacións do centro educativo visitado hoxe, o CEIP da Figueiroa, e dunha gardería, a estrada que vai cara a Pontevea (PO-841). Remarcou que os traballos consistirán en habilitar aparcadoiros, construír novas beirarrúas e pavimentar e sinalizar a vía, mediante un investimento de máis de 60.000 euros. Indicou que a obra xa está adxudicada e ten un prazo de execución de 2 meses, coa previsión de que se inicien os traballos tras a Semana Santa.

Ademais avanzou que tamén se realizará un reforzo de firme ao longo dun quilómetro na estrada Miradoiro-O Formigueiro (PO-505), que dá acceso á AP-53, unha intervención que contará cun investimento de preto de 48.000 € e que, ao igual quea anterior, se executará este ano.

9 de marzo de 2016 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.