A campaña de Igualdade da Deputación #aindanon8demarzo pon á vista o longo camiño para eliminar a discriminación

Presentación da campaña de igualdade
“Aínda non” era o encabezamento das frases que protagonizan a iniciativa da área de Igualdade da Deputación da Coruña na conmemoración do 8 de marzo, Día das Mulleres. Centos de persoas retratáronse no “fotocool” do Pazo Provincial reclamando continuar dando pasos adiante contra o machismo.
“Aínda non podo conciliar”, “Aínda non respectamos a diversidade”, “Aínda non se traballa desde a infancia a coeducación” ou “Aínda non falamos nin pensamos de forma exclusiva” son algunhas das frases escritas nos carteis que centos de persoas portaron hoxe para se retratar no “fotocool” promovido pola área de Igualdade da Deputación da Coruña que circulou polas redes sociais co hastag #aíndanon8demarzo.
“Quixemos, de maneira colectiva, reflexionar sobre o longo camiño cara a igualdade e sobre todo o que aínda queda por facer para conseguila. Desde as institucións temos que ser conscientes desta realidade e traballar para mudala, mais queremos que a sociedade sexa partícipe desta loita que só pode ser conxunta”, sinala a nacionalista Ánxela Franco, responsábel de Igualdade da Deputación da Coruña.
Con motivo da conmemoración do Día Internacional das Mulleres, a Deputación da Coruña editou tamén un caderno con linguaxe inclusiva destinado ao persoal e os concellos que recolle lexislación, reflexións e recomendacións de cara ao emprego dunha linguaxe inclusiva na administración.
VII Concurso de Viñetas Xénero, Medios e Comunicación
Ás distintas iniciativas que a área de Igualdade e Servizos Sociais da Deputación, dirixida pola nacionalista Ánxela Franco, dirixe ás idades máis temperás como o concurso de guións contra a violencia de xénero ou o de proxectos educativos pola igualdade, súmase agora a convocatoria do VII Concurso de Viñetas Xéneros, Medios e Comunicación.
O certame está dirixido a mozas e mozos con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos que poderán participar de forma individual ou en grupo. O obxectivo será reflexionar sobre o tratamento do xénero na comunicación (escrita, oral, non verbal, etc…) e nos diferentes medios (prensa, televisión, redes sociais, publicidade, cine, literatura, música…) a través dunha viñeta ou tira de viñetas e concienciar sobre a necesidade de cambios de modelos e valores para a consecución da igualdade de xénero real.
O prazo para a presentación de traballos estará aberto dende o día 8 de marzo e péchase o 29 de abril de 2016 (BOP número 44 do luns 7 de marzo de 2016). Para máis información www.dacoruna.gal
Como actividade complementaria ao concurso realizarase na Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña desenvolverase durante todos os venres do mes de marzo e abril o VI Curso de Banda Deseñada dirixido a toda a poboación aínda que preferentemente ao público obxectivo ao que vai dirixido o certame, é dicir, nenos e nenas de entre 12 e 18 anos.
Neste curso traballarase visibilizando o papel da muller nos distintos medios de comunicación (televisión, radio, prensa, etc.) a través de diferentes actividades plásticas.











