publicidade hoxe

A Axenda 20 para o emprego potenciará o emprego no rural con especial atención ás persoas en risco de exclusión social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVimianzo
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Vimianzo no Encontro Internacional de lanzamento e presentación do proxecto ERN4mob: European Rural Network for Job Mobility e interveu na Xornada de portas abertas ‘Afrontar a inmigración, a emigración e a exclusión social asociada nas comunidades rurais europeas’ explicando as vantaxes do Sistema Público de Emprego de Galicia.

No seu relatorio, Toca destacou que precisamente para reforzar a atención especial que a Xunta xa presta aos colectivos con maiores dificultades de acceso a un posto laboral, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar a Axenda 20 para o Emprego, unha folla de ruta que ten como obxectivo reducir o desemprego ata o 10% coa creación de 100.000 postos laborais ata 2020. Para iso céntrase en 3 retos: fomentar o emprego estable e de calidade; reforzar a formación e especialización ao longo da vida laboral; e mellorar e orientar os servizos públicos na atención ás persoas demandantes e empresas.

Entre as 20 medidas da Axenda, Toca destacou a posta en marcha do Programa APROL, con 63,4 millóns, de incentivos para promover a contratación, especialmente entre os colectivos más desfavorecidos: persoas con discapacidade, desempregados de longa duración, a mocidade e as mulleres para as que se porá en marcha o Plan de Emprego en Igualdade. Esta iniciativa tamén aposta polo fomento do emprego autónomo a Economía Social e o sector do mar.

Así mesmo, para afrontar a exclusión asociada ás comunidades rurais, a secretaria xeral salientou que se iniciará un Programa de Formación e Emprego no Rural con 4,6 millóns que se complementa con 5 millóns de financiamento para proxectos a través de XesGalicia. No eido rural tamén se potenciará o autoemprego e a Economía Social.

A nova ferramenta do Goberno galego, que conta cun investimento anual de 180 millóns de euros, foi elaborada cunha visión global, contando coas achegas dos axentes sociais e doutras consellerías, ademais de Economía, Emprego e Industria, como as de Medio Rural, Mar, Política Social e Educación.

En definitiva, e, segundo indicou Toca, “o que pretendemos é reforzar a especial atención aos colectivos con maiores dificultades no acceso ao emprego e potenciar o autoemprego a través do emprendemento industrial e innovador, priorizando estas accións no ámbito rural”. Neste senso, engadiu que se potenciará ás empresas de Economía Social con atención ás destinadas ao rural “procurando unha maior achega do emprendemento con especial atención á integración laboral das persoas en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social, o emprego inclusivo”, rematou.

17 de marzo de 2016 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.