A área de Cultura da Deputación da Coruña contribúe á promoción dos estudos de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A nova convocatoria das bolsas de investigación da Deputación da Coruña inclúe, como novidade, a creación de dúas bolsas para a área de estudos de xénero. A iniciativa afonda na liña da área de incentivar a igualdade desde o ámbito da cultura.

Dúas novas bolsas de investigacións na área de estudos de xénero incorpóranse á convocatoría da Área de Cultura da Deputación da Coruña desde a que cada ano se promove a investigación nas áreas de ciencias sociais e xurídicas, ciencias, ciencias da saúde, enxeñería e arquitectura, artes e humanidades. Outra das novidades é tamén a inclusión da área de planificación sociolingüística da lingua galega na relación de bolsas.

“O obxectivo é axudar á investigación universitaria e promover a innovación nos diferentes ámbitos académicos. A novidade maior é o recoñecemento dos estudos de xénero e a planificación sociolingüística da lingua galega como especialidades transversais que cómpre tamén potenciar e que, precisamente pola súa transversalidade, están moitas veces á marxe das ofertas existentes”, destaca Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación e responsábel da área de Cultura para quen é “fundamental promover a investigación en xénero, imprescindíbel para camiñar cara a igualdade”.

A dotación das bolsas é de 160.000 € (8.000 € cada unha) e poderán participar na convocatoria as persoas con titulación universitaria residentes na provincia da Coruña que pretendan realizar un traballo de investigación. As solicitudes presentaranse de xeito telemática a través da plataforma SUBTEL na páxina web da Deputación da Coruña na que tamén se atopan as bases completas da convocatoria. O prazo de presentación de solicitudes remata ás 14:00 horas do día 8 de abril de 2016.

No Día das Mulleres

Con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día das Mulleres, desde a área de Benestar Social, Educación e Políticas de igualdade de xénero da Deputación convidan a participar nun “selfie”pola igualdade que se desenvolverá nas instalacións da sede institucional, no Pazo Provincial. A campaña empregará o hastag #aíndanon8demarzo nas redes sociais da Deputación da Coruña, de cara a reflexionar sobre aquelas cousas que “aínda non” conseguimos en prol da igualdade de xénero.

Para a difusión entre o persoal da Deputación Provincial da Coruña e os concellos editarase tamén un caderno de linguaxe inclusiva, onde se atopará lexislación, reflexións e recomendacións de cara á eliminación do sexismo na linguaxe.

A Deputación da Coruña aprobou unha declaración institucional na que se recoñece que “a realidade continúa a evidenciar que a crise agravou a situación de desigualdade e precariedade das mulleres. Diante do discurso falaz da igualdade conseguida diferentes estudos, informes e enquisas recollen datos sobre a crecente situación de precariedade laboral e traballo vulnerábel que viven as mulleres galegas”.

“Desde a Deputación da Coruña defendemos unha política laboral, fiscal e social, ao servizo da redistribución xusta dos recursos, e solucións urxentes para os colectivos máis vulnerábeis. Loitaremos para acabar coa desigualdade na toma de decisións libres e autónomas que lles permita ás mulleres desenvolver unha vida plena sen imposicións. Implicarémonos en superar a desigualdade na utilización da linguaxe que invisibiliza ás mulleres, cando non as menospreza, e na imaxe que ofrecen delas os diferentes medios e nas redes sociais. A Deputación fará campañas para que desaparezan as desigualdades nas mulleres con discapacidades, nas mulleres inmigrantes e nas mulleres que pertencen a outras minorías”, sinala a Declaración Institucional que considera o 8 de marzo unha data acaída para reclamar dereitos para as mulleres. “É o compromiso desta institución formular e aplicar políticas e programas efectivos e eficaces con perspectiva de xénero, así como poñer os recursos precisos que contribúan a acadar a tan reclamada igualdade de dereitos entre mulleres e homes nos diferentes ámbitos da sociedade”, conclúe.

7 de marzo de 2016 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.