Xunta, Fomento e Concello de Santiago avanzan na coordinación das actuacións para a estación intermodal na cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Reunión de representantes das tres administracións

Reunión de representantes das tres administracións

A Xunta, Fomento e o Concello de Santiago avanzaron hoxe na coordinación das actuacións necesarias para o desenvolvemento da estación intermodal na cidade. A directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co secretario xeral de Infraestruturas, Manuel Niño; o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte; e representantes de ADIF.

Nesta reunión analizouse o borrador de convenio, redactado pola Xunta e remitido a todas as partes a finais do ano 2015, para abordar as actuacións que debe executar cada administración co obxectivo de impulsar esta nova infraestrutura.

Os asistentes á xuntanza de traballo de hoxe acordaron que de xeito previo á sinatura do convenio, estudarase o anteproxecto elaborado polo Ministerio de Fomento para a terminal de ferrocarril e a conexión entre as estacións. Esta avaliación levarase a cabo na vindeira reunión, que se prevé para o próximo mes de marzo.

Cómpre lembrar que o Goberno galego licitou no pasado mes de decembro a redacción do proxecto da terminal de autobuses integrada na intermodal de Santiago.

A licitación do proxecto básico e de execución da estación de autobuses integrada na estación de ferrocarril realízase tomando como base o resultado dos estudos previos de necesidades realizados pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda nos últimos meses.

A nova estación de autobuses situaríase ao sur da plataforma ferroviaria entre a praia de vías e a rúa Clara Campoamor e ocuparía unha superficie de aproximadamente 12.000 m2. As dársenas quedarán situadas ao nivel desta rúa, e prevese que os vehículos accedan ao recinto mediante unha rotonda de 48 metros de diámetro exterior e 32 metros de diámetro interior con dous carrís de 4 metros de largo.

Segundo a análise dos estudos previos a estación de autobuses precisaría os seguintes elementos: 29 dársenas (19 de liñas interurbanas, 5 de metropolitanas e 5 para regulación de servizos); 2.000 m2 de edificio de servizos e unha superficie total duns 12.000 m2 incluíndo a estación propiamente dita (7.000 m2) e unha zona de taxi, bus urbano e de despedida (5.000 m2).

4 de febreiro de 2016 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.